A Deputación da Coruña pecha con satisfacción a primeira participación en HIP

18 Febreiro 2026

A Deputación da Coruña despide este mércores 18 de febreiro a súa participación en HIP–Horeca Professional Expo con evidente satisfacción tras tres xornadas de intensa actividade no posto provincial baixo o lema A paisaxe que sabe. Segundo explicou a institución provincial, a deste ano foi a primeira participación da institución nesta feira profesional, que tivo lugar no IFEMA madrileño, e “onde se sucederon demostracións culinarias, presentacións de produto e obradoiros de harmonías que puxeron en valor a cadea de valor enogastronómica da provincia”.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliñou que “a valoración que facemos da nosa participación neste evento é claramente positiva”. Neste sentido, destacou que “así o indican tanto a afluencia ao noso posto, como o interese amosado polo público e as propias impresións do sector enogastronómico que nos acompañou nestes tres días”.

A xornada de hoxe estivo protagonizada polos dous obradoiros ofrecidos polo chef carballés Adrián Felípez, á fronte do restaurante Miga (A Coruña). O cociñeiro elaborou unha terrina de cacheira de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido, así como unha albacora curada en auga de mar, sopa de xunco mariño e folla de ostra, propostas que volveron atraer numeroso público profesional ao posto da Deputación.

Entre ambas as demostracións, o sumiller Alejandro Paadín conduciu un obradoiro de harmonías centrado nos viños da subzona Ribeiras Coruñesas do Ulla da denominación de orixe Rías Baixas, acompañados de queixo Galmesán (Arzúa) e patacas fritidas Bonilla a la Vista (A Coruña). A despedida do evento completouse coa presentación e degustación de mexillón afumado da Conserveira (Ribeira), maridado con Vermut Lodeiros (Santiago).

Ao longo dos tres días participaron restaurantes de referencia como Illas Gabeiras, de Ferrol; As Garzas, de Barizo, en Malpica de Bergantiños; e o xa mencionado Miga, que amosaron a capacidade creativa da cociña atlántica e a reinterpretación contemporánea do produto de proximidade. Xunto a eles, produtores e comercializadores de diferentes comarcas contribuíron a ofrecer unha visión ampla e diversa do potencial enogastronómico coruñés.

Empresas como Martietas de Fío, de Bergondo; Empanadas Ternura, da Coruña; La Despensa D’Lujo, de Coristanco; A Conserveira, de Ribeira; Cien por Cel e Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela; Galmesán, de Arzúa; ou Bonilla a la Vista, da Coruña, participaron nas distintas sesións.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.