A Área de Igualdade da Deputación presenta en Santiago o proxecto “Virando o Rosa”, un dos gañadores do Premio Luísa Villalta 2025

16 Febreiro 2026

A Deputación da Coruña presentou este luns 16 de febreiro, no Colexio Fonseca, en Compostela, o proxecto Virando o Rosa, de Diana Fajardo, unha das propostas gañadoras do VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade.

Durante o acto, a deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, sinalou que se trata dun “proxecto necesario para a expresión de voces en primeira persoa de mulleres que padeceron ou padecen cancro de mama”. Destacou que a iniciativa “combina rigor, creatividade e unha perspectiva feminista clara, con capacidade para xerar debate público e influír positivamente na percepción social da enfermidade e na atención ás pacientes”.

Ademais da deputada de Igualdade tamén participaron no acto a propia autora, Diana Fajardo; a vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias; así como unha representación das mulleres que protagonizan Virando o Rosa.

O traballo de Diana Fajardo parte da observación da “indefensión estrutural das mulleres no sistema sanitario polo feito de seren mulleres”. A proposta recolle trece historias que evidencian diagnoses tardías, malinterpretación de síntomas, presión estética ou experiencias de paternalismo médico, situando o cancro de mama como punto de partida para analizar “un problema estrutural máis amplo”, segundo a autora.

Virando o Rosa cuestiona tamén o relato público ao redor desta enfermidade, asociado con frecuencia a unha estética e simboloxía que non sempre reflicten a complexidade das vivencias das pacientes. A iniciativa propón tratar o cancro como unha doenza que require atención médica e apoio integral, incorporando unha ollada crítica sobre os estereotipos de xénero que atravesan o sistema sanitario.

Sol Agra resaltou igualmente a relevancia do Premio Luísa Villalta como ferramenta de impulso á creación con impacto social. “Estes premios son fundamentais por apoiar economicamente proxectos que aínda non están rematados, xa que moitos deles, sen este financiamento, non poderían levarse a termo e perderiamos un traballo creativo” a prol da igualdade real.

O proxecto de Diana Fajardo foi recoñecido en 2025 do Premio Luísa Villalta pola súa capacidade para artellar memoria, reflexión crítica e acción cultural arredor da igualdade.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.