Unha delegación padronesa oficializa en Madrid o ascenso da Clásica de Pascua ao calendario internacional de ciclismo

14 Xaneiro 2026

Unha delegación padronesa desprazouse este mércores, 14 de xaneiro, á sede do Consello Superior de Deportes (CSD), en Madrid, para asistir á presentación oficial da Challenge Futura, campionato ciclista no que está integrada a Clásica de Pascua. Por primeira vez a cita organizada polo Club Ciclista Padronés ascende a categoría 1.2 do calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI).

A delegación Padronesa na sede do CSD

A Challenge Futura é unha nova competición creada pola Federación Española de Ciclismo no seu calendario oficial e na que competirán xuntos equipos profesionais, continentais e amateurs. As dúas probas incluídas na Challenge Futura son a Clásica de Pascua e o Gran Premio Primavera de Ontur-Deputación de Albacete, ambas as dúas consideradas carreiras de nivel 1.2 pola UCI.

Tanis Vázquez, presidente do Club Ciclisa Padronés

A delegación padronesa no CSD estivo integrada polo alcalde, Anxo Arca; o concelleiro de Deportes, Luis Mariño; o presidente do Club Ciclista Padronés Cortizo, Tanis Vázquez; o director deportivo do equipo, Marcos Serrano, e o tesoureiro, Manuel Montenegro; así como o deputado provincial de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o fundador e propietario do Grupo Cortizo, José Manuel Cortizo.

Asistentes a presentación da Challenge Futura

A 63ª edición da Clásica de Pascua celebrarase o 12 de abril coincidindo coa clausura das festas do Domingo de Pascuilla e volverá converter esa xornada nun día de especial relevancia para a vila. A outra proba da Challenge Futura disputarase o 22 de marzo en Albacete.

O alcalde, Anxo Arca, considera que con este recoñecemento “Padrón consolídase como berce do ciclismo galego. A Clásica de Pascua, a competición decana do ciclismo en Galicia, é o evento deportivo máis esperado das nosas festas e a partires de agora xerará aínda máis expectación dentro e fóra dos límites do noso concello. Grazas ao deporte e en especial ao ciclismo, Padrón está aumentar o seu peso e a súa proxección exterior, algo do que nos sentimos moi afortunados e moi orgullosos”.

Un obxectivo cumprido

O presidente do Club Ciclista Padronés, Tanis Vázquez, cualifica a inclusión da Clásica de Pascua de Padrón no calendario internacional da UCI como “unha gran noticia para o noso club e para Padrón”. O histórico dirixente adianta que na cita “participarán 12 equipos profesionais e 10 afeccionados”, encabezados polo Cortizo en calidade de anfitrión e líder do ranking nacional sub-23 da pasada tempada.

Entre os equipos profesionais xa confirmados para a Clásica de Pascua 2026 figuran Caja Rural, Kern Pharma, Burgos Burpellet BH, Euskaltel Euskadi, Arabay Illes Balears e Movistar Academy, completando a ducia de escuadras con outras de procedencia internacional.

O director deportivo do Cortizo, Marcos Serrano, destacou o cambio de paradigma que supón a creación da Challenge Futura: “Os equipos elite e sub-23 levabamos anos reivindicando que en España se puidese facer o que xa era habitual en países do noso entorno. A pasada tempada competimos en probas internacionais como o Circuíto das Ardenas, o Giro del Belvedere ou o GP Palio del Recioto con corredores de superior categoría. Que esa posibilidade chegue agora tamén ao calendario español é unha gran noticia e vai supoñer un salto de calidade para os nosos ciclistas”.

Pola súa banda, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, subliñou que este avance “supón un orgullo para a provincia da Coruña e un paso de enorme importancia para o ciclismo galego, elevando unha proba histórica a un escenario internacional”. Leira destaca a labor do Club Ciclista Padronés Cortizo na promoción do ciclismo e o apoio constante que prestan ao club o Grupo Cortizo, o Concello de Padrón e a Deputación da Coruña, poñendo en valor a colaboración institucional como clave para o crecemento da proba.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.