Rueda anuncia en Ribeira 1 millón de euros en axudas para promover chiringuitos máis eficientes e integrados na paisaxe

13 Xaneiro 2026

O Goberno galego anunciou este martes 13 de xaneiro, a través do presidente Alfonso Rueda, que o Executivo autonómico vai destinar este ano un millón de euros a axudas para promover prácticas sostíbeis nos chiringuitos da costa galega favorecendo ao mesmo tempo a transición cara a uns establecementos máis eficientes, accesíbeis e integrados na paisaxe.

Fotos: David Cabezón

Rueda achegou estas novidades dende Ribeira, durante a entrega de premios e a presentación dos proxectos galardoados no concurso de ideas convocado polo Goberno autonómico para deseñar un prototipo biosostíbel destes establecementos temporais e que sirva de modelo de referencia para futuras instalacións.

“Galicia é moi diversa e o seu litoral tamén, polo que non se trata de uniformar, non queremos que todo sexa igual xa que sería un erro; o que queremos é que o valor de cada terreo se vexa realzado e iso pódese conseguir a través de arquitectura”, manifestou.

No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e tamén pola alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, Rueda reafirmou con esta idea o compromiso do Executivo galego de avanzar cara a “un modelo máis respectuoso e homoxéneo que compatibilice a actividade económica coa conservación da contorna, tal e como establece a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (LOXILGA)”.

A este respecto, o presidente puxo en valor o camiño iniciado o pasado 1 de xullo, cando Galicia pasou a exercer a xestión e ordenación plena do seu litoral. “Estamos a tomarnos moi en serio esta competencia; cando a pedimos era porque criamos que desde aquí podíase xestionar mellor e preservar o noso litoral”, sinalou, engadindo que grazas á Lei a Xunta tramita xa as solicitudes para obter autorización para instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada e praia en toda a franxa costeira galega -e por primeira vez na zona de dominio público marítimo-terrestre- para a tempada 2026, cunha novidade importante para o sector, xa que os chiringuitos poderán operar de xeito opcional -de forma ininterrompida- desde a Semana Santa ata o 31 de outubro.

A nova liña de axudas, que se convocará a finais deste mes de xaneiro, ten por obxectivo facilitar que os propietarios que queiran renovar os seus negocios poidan adoptar os deseños galardoados, como o proxecto gañador Do mar ao furancho (de Emilio José Granda Caicedo e Santiago Ramos de Teresa). Ao facelo, os hostaleiros terán xa un proxecto redactado, sen ter que asumir os gastos correspondentes, e garántese que a instalación sexa homoxénea, accesible e respectuosa coas Directrices da Paisaxe.

Así, esta orde de axudas busca fomentar que nestes establecementos de tempada “se empreguen materiais reutilizábeis, reciclados, de baixo impacto ambiental ou con certificación ecolóxica tanto na instalación de estruturas, solos e paneis como nos elementos de sombreado e protección solar, ou no mobiliario”.

Tamén serán obxecto de subvención actuacións dirixidas tanto á redución e correcta xestión dos residuos, como ao aforro enerxético e de auga. Por último, financiaranse accións que promovan a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e a integración paisaxística.

No que atinxe ás contías, a axuda poderá cubrir ata o 50% do proxecto subvencionábel, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima por proxecto de 10.000 euros. No caso da adaptación integral aos prototipos de chiringuito respectuoso co medio natural do concurso de ideas, a axuda poderá chegar ata o 70% do investimento a subvencionar cunha contía máxima de 20.000 euros.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...