Pérez Barral escoita á veciñanza de Olveira e repasa máis de 555.000 euros en investimentos

25 Xaneiro 2026

O BNG de Ribeira mantivo unha xuntanza aberta coa veciñanza de Olveira dentro da iniciativa Parroquias con voz, un espazo de encontro co que o Bloque Nacionalista Galego retoma, trala pausa de Nadal, a súa rolda de visitas polas parroquias do concello de Ribeira co obxectivo de “achegar a acción política municipal á veciñanza e coñecer de primeira man as súas necesidades”.

O encontro permitiu facer balance da xestión realizada durante os dous anos e medio nos que o BNG formou parte do goberno municipal, así como explicar con detalle os investimentos executados na parroquia e aqueles que quedaron programados e con financiamento asegurado. Ao mesmo tempo, as veciñas e veciños trasladaron diversas propostas e preocupacións relacionadas co día a día da parroquia.

Na xuntanza participou o portavoz municipal e ex-alcalde, Luís Pérez Barral, acompañado por concelleiras do grupo municipal e polo responsábel local do BNG. Durante a súa intervención, Pérez Barral destacou a importancia de darlle voz á veciñanza, sinalando que “a xente debe ter participación para detectar prioridades e facer avanzar a parroquia”. Engadiu tamén que este tipo de encontros “permiten facer política baseada na escoita e na proximidade e xa o goberno local ten que tomar nota replicando estas accións”.

Entre as cuestións expostas pola veciñanza figuraron a necesidade de mellorar a seguridade viaria e o transporte público, así como a mellora de accesibilidade ou dotación de saneamentos e mellora da iluminación pública, aspectos que o BNG considera “prioritarios de cara a futuras actuacións”.

Durante a reunión realizouse tamén un repaso polo conxunto de investimentos executados na parroquia de Olveira, que, segundo sinalou o ex-rexedor, “superan os 555.000 euros, centrados principalmente en melloras nos servizos básicos como saneamentos, dotación de auga para consumo doméstico ou pavimentacións”. Entre eles destacan:

Dotación de auga potábel no cruce da Dunas: 37.000€

Pavimentación e saneamento en Sirves: 87.000€

Saneamento no lugar de Espiñeirido: 120.000€

Instalación de rede de saneamento con pozo de bombeo en Campelos: 216.000€

Actuacións que, segundo explicou o portavoz do BNG, “responden a unha planificación seria, pensada para mellorar a calidade de vida da veciñanza e resolver carencias históricas”.

Ademais, Pérez Barral informou de que “quedaron preparados e con financiamento asegurado novos proxectos que permitirán continuar mellorando a parroquia nos vindeiros meses, como a ampliación do saneamento en Cristal, cun investimento de 46.000 euros, e a pavimentación do estacionamento das Dunas, tamén cun orzamento de 46.000 euros”.

O portavoz municipal aproveitou para lembrar que “o BNG deixou unha situación económica ordenada, con proxectos redactados e recursos previstos, fronte á débeda de 13 millóns de euros herdada de anteriores gobernos do PP”. Nese sentido, subliñou que “hai unha maneira diferente de xestionar, baseada no rigor, na transparencia e na planificación a longo prazo”.

Finalmente, Pérez Barral constatou, máis unha vez, o forte respaldo recibido polo veciños e veciñas: “Notamos un apoio moi grande ao traballo realizado e á nosa forma de facer política. Iso anímanos a seguir percorrendo as parroquias, escoitando, dialogando e defendendo as necesidades reais da xente”.

A seguinte xuntanza será o martes 27 de xaneiro ás 19:30h no centro recreativo de Artes.

Outros artigos

Boiro sumou forzas contra o cancro cunha cadea humana no centro da vila

A Asociación Española conta o Cancro de Boiro conmemorou na tarde deste sábado 17 de outubro o Dia Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha gran cadea humana e a realización dun lazo na rúa peonil de Boiro. Durante estes días o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.