
O temporal deste luns 26 de xaneiro xerou no Barbanza ducias de incidencias, cebándose especialmente co concello de Rianxo, até ben entrada a madrugada, rexistrándose (polas fortes chuvias e polos refachos de vento) caídas de árbores, desbordamentos (con estradas cortadas, como a que comunica Asados con Taragoña pola zona da Laxe), asolagamentos e cortes de luz causados polos fortes refachos de vento. Isto motivou unha xornada intensa de traballo para a Policía Local e Protección Civil, que realizaron roldas por todo o termo municipal coa finalidade de detectar posíbeis perigos e actuar para atallalos.
Segundo confirmou o Concello a través do seu alcalde Julián Bustelo, sucedéronse as apagadas de subministro eléctrico en moitas zonas do concello. Este martes 27 a empresa encargada do mantemento da rede de transporte de enerxía eléctrica na contorna rianxeira confirmou ao rexedor que o corte no subministro veu dado polo temporal e pola rotura dun cable que deixou sen luz a zona leste e sueste do municipio. “Se ben onte á noite se optou por unha solución provisional para reestablecer o servizo, agora mesmo xa se está traballando para arranxar a avaría”, engadiu o alcalde.




