O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) inaugura este mes de xaneiro a exposición Viacrucis e 15 relatos, do fotógrafo profesional Xulio Gil. A cita será o sábado, 31 de xaneiro, ás 12.30 h na sala 1 do Museo do Gravado. Este acto está enmarcado nos actos de celebración do 25 aniversario (2001-2026) da Fundación do Museo do Gravado (en adiante MUGART) e que contará coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez.

Esta exposición poderá visitarse do 31 de xaneiro ao 31 de marzo de 2026.
Xulio Gil: Viacrucis e 15 relatos
Trátase dunha exposición-instalación na sala 1 do MUGART (Museo do Gravado de Artes), na Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital do Concello de Ribeira.
O artista autor é o fotógrafo Xulio Gil con currículo adxunto.
A mostra é comisariada por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do MUGART.
O tema-concepto é o viacrucis que, se ben é recorrente na iconografía católica dende o século XIV, o autor pretende despoxalo do seu compoñente transcendente e abstraelo facéndoo universal.
A tese xira en torno ao feito de que na biografía de cada persoa hai momentos en que aparece o que poderiamos chamar un castigo sobrevido, inesperado e xigante. Nada parece remediar a catástrofe e é o círculo máis próximo o que dá ánimo para soportar o camiño inevitable: enfermidade, morte de achegados, ruína económica, frustración transcendente etc. “Son exemplos dos que todos temos coñecemento dun xeito ou doutro”, informa o MUGART, engadindo que o actor principal do Viacrucis de Xulio Gil (Darío Gil) é un home novo que pasa da ledicia educacional ao calvario da adscrición ao mundo do traballo nun percorrido sen retorno; pero o autor quere dar luz propoñendo unha resurrección non concretada, malia que posible. Respéctanse o número das 15 estacións.
A instalación complétase con 15 retratos en branco é negro de carácter expresionista nos que, sen especificalo, é evidente que cada un dos retratados pasou polo seu propio calvario.
“Convértense así en espectadores, testemuñas e confidentes do viacrucis que están vendo integrándose nunha unidade empática co protagonista”, engade o MUGART.
A exposición componse de 15 fotografías a 150×108 cm feitas en papel Canson de 310 g pegadas en alupanel de 3mm (dibond) e enmarcadas en marco de madeira negro. Ademais de 15 fotografías a 105×75 cm coas mesmas características técnicas que as anteriores e enmarcadas en perfil negro.




