
O novo Auditorio Municipal de Ribeira encherase de gargalladas o vindeiro domingo 22 de febreiro ás 17.30 horas, co coñecido humorista JJ Vaquero, quen estará na cidade co seu monólogo de stand-up comedy Vaquero, a través do cal ofrece a súa particular visión da vida cotiá cun estilo directo e sen filtros.
Durante o espectáculo, Vaquero converte en humor as súas experiencias diarias; situacións aparentemente triviais cun ton ácido e próximo que conecta co público.
Ademais, este espectáculo evoluciona co tempo e presenta ao artista en estado puro, segundo indicou a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, engadindo que “comezamos o ano anunciando novas propostas que se incorporan á oferta cultural de Ribeira e que teñen como epicentro o novo Auditorio Municipal. Novamente, coa produtora local Aquelarre, traemos un show que, de seguro, nos fará rir”, manifesta a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
A venda das entradas comezará no venres, 9 de xaneiro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 25 euros, máis gastos de xestión.




