O Consello de Pesca aproba por unanimidade o ditame coas propostas de Galicia para paliar o resultado do acordo de TAC e cotas para 2026

20 Xaneiro 2026

O Consello Galego de Pesca, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, aprobou por unanimidade o ditame coas propostas de Galicia coas que se procura paliar o resultado do acordo de TAC e cotas para 2026 ao que chegaron os ministros de Pesca da Unión Europea na negociación celebrada a mediados de decembro en Bruxelas, e que, segundo lembraron os presentes, “prexudica en gran medida á frota galega”.

O Consello Galego de Pesca amosou a súa fonda preocupación por esas negociacións, que aínda non teñen un resultado definitivo ao non terse publicado o Regulamento que as aproba, quedando pendentes stocks tan importantes como a xarda.

“Na reunión que o Ministerio mantivo a nivel técnico coas comunidades autónomas e co sector o pasado 8 de xaneiro, trasladou que non tiña unha proposta distinta ao xa negociado, e instou a que lle presentasen alternativas”, sinalou a conselleira.

Neste senso, o órgano consultivo que representa ao todo o sector pesqueiro reuniuse de xeito extraordinario e pechou un documento en forma de ditame, que será remitido pola Xunta nas vindeiras horas ao Ministerio de Agricultura, de Pesca e de Alimentación, e no que se pide un reparto das posibilidades de pesca para este ano axustado á realidade actual das pesqueiras e acorde ás especies que son obxecto de especial preocupación para a comunidade, como son a xarda, o lirio e abadexo.

A intención é que o Ministerio aproveite esas propostas de cara ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish), que se celebra o día 26 deste mes en Bruxelas, para poder facer unha mellor defensa dos interesas da frota galega.

Entre a propostas que recolle o documento, para a xarda pediríase un tope definitivo que non sexa tan prexudicial como a redución negociada en decembro. Asemade, reclámase que se admita unha flexibilidade interanual superior ao 10 %, precisamente pola situación excepcional da pesqueira en relación coas afectacións socioeconómicas. Para o lirio as propostas irían na mesma liña que para a xarda.

No que se refire ao abadexo, o ditame recolle dúas peticións moi concretas: manter a cota de 1.369 toneladas asignadas nos anos 2022 e 2023 e establecer para a avaliación desta especie os niveis 1 e 2 de categoría de datos. Isto suporía usar más dun índice (Francia + España), o que evitaría a redución do stock na zona 8c, é dicir, as augas fronte á costa cantábrica e Golfo de Biscaia.

Para o linguado pídese manter o límite asignado a España no 2025. Asemade, para a pescada plantéxase evitar o efecto perverso que provoca a situación dos peches na avaliación dos stocks, así como realizar unha avaliación científica máis precisa considerando áreas máis pequenas.

O documento tamén propón o establecemento dunha asignación, en concepto de pesca fortuíta, do atún vermello para os segmentos de flota galegos do arrastre, cerco e artes menores, o incremento da do palangre de superficie e a mellora das porcentaxes de asignación de cota da sardiña e bocarte. Con respecto ao bocarte, tamén se contempla a posibilidade de establecer unha liña de traballo de cara a unha asignación de pesca accesoria desta especie para a artes menores de xeito, racú e piobardeira nas zonas CIEM 8c e 9a.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.