O Concello de Rianxo e a Policía Local de Rianxo denunciaron nas redes os actos vandálicos acabados de perpetrar contra diverso material do entorno da praia de Tanxil e do seu paseo. Dende o Goberno local condenaron estes actos realizados na zona verde do areal e lembraron que a Policía Local está a investigar os feitos. Entre o material esnaquizado atópanse carteis informativos, papeleiras e mesmo as portas e pechaduras dos baños públicos.

O rexedor Julián Bustelo denunciou o estrago do mobiliario urbano da zona, colocado recentemente á vez que fixo un chamamento ao civismo. “O custo do vandalismo pagámolo entre todos e se xa resulta difícil atender as necesidades de mantemento dos diferentes espazos, máis difícil se fai cando algunhas persoas se dedican a destruír o que é de todas as rianxeiras e os rianxeiros”, sinalou o alcalde.

A Policía Local requiriu nas redes a colaboración cidadá: “Se alguén ten algunha información sobre a autoría destes feitos, que se poña en contacto con este corpo policial”.






