A Concellería de Innovación e Novas Tecnoloxías de Ribeira presentou a oferta formativa que terá lugar na Aula CeMIT durante este primeiro trimestre do ano: un itinerario ao que sumar os cursos previstos para as parroquias.

No que resta de mes de xaneiro, impartiranse do 26 ao 30 de xaneiro unha nova edición dos cursos Arranque dixital, de 09.30 a 11.30 horas, e Primeiros pasos co teu móbil, de 12.00 a 13.30 horas. O primeiro versa sobre a iniciación básica ao LibreOffice, Internet, creación e uso de correo electrónico e toma de contacto coa intelixencia artificial; mentres que o segundo ensinará sobre o uso básico do dispositivo Android.

O mes de febreiro centrarase na preparación do COMDIX nivel iniciación. Trátase dun curso orientado a preparar a aquelas persoas que queiran facer o exame para obter o Certificado de Competencias Dixitais. A formación será do 2 ao 13 de febreiro, tódolos días agás o mércores, en horario de 10.00 a 11.30 horas. O temario divídese en seis bloques: coñece o entorno dixital, ten a información sempre a man, tecnoloxías dixitais, participa na sociedade dixital, crea contido dixital e atopa o benestar dixital. As probas terán lugar na Aula CeMIT nos días 25 (en quenda de tarde, de 16.30 a 18.30 horas) e 26 e 27 de febreiro (en quenda de mañá, de 10.00 a 12.00 e de 12.00 a 14.00 horas). O período de inscrición para estes exames permanece aberto ata o 28 de xaneiro.

Xa no mes de marzo desenvolveranse dous cursos nos días 5, 6, 9, 10, 12, 16, 23 e 24. Desde as 10.00 ata as 11.30 horas as clases correspóndense con Despegue dixital, para o perfeccionamento de
LibreOffice, uso avanzado de Internet e correo electrónico Gmail e IA aplicada. E, de 12.00 a 13.00 horas, haberá o de Avanza co teu móbil focalizado nun nivel medio/avanzado do dispositivo Android.

Cursos nas parroquias
As competencias tamén chegarán ás parroquias de Ribeira. Durante o primeiro trimestre haberá os seguintes cursos: Crea contido con Intelixencia Artificial, no Centro Social de Corrubedo, do 9 ao 12 de febreiro, de 16.00 a 18.30 horas; Seguridade: protexe o teu mundo dixital, no Centro Social novo Carreira, do 23 ao 26 de febreiro, de 10.00 a 13.00 horas; Aplicacións para xestionar trámites en Internet, no Centro Social de Oleiros, nos días 9, 10, 12 e 13 de marzo, de 10.00 a 13.00 horas; e Ocio dixital: aplicacións para desfrutar, na Casa do Mar de Palmeira, do 23 ao 26 de marzo, de 10.00 a 13.00 horas.

Estas mesmas accións formativas rotarán polo resto de parroquias no segundo trimestre: Crea contido con Intelixencia Artificial, no Centro Recreativo de Artes, do 6 ao 9 de abril, de 10.00 a 13.00 horas; Seguridade: protexe o teu mundo dixital, na Casa da Cultura de Aguiño, do 21 ao 24 de abril, de 10.00 a 13.00 horas; Aplicacións para xestionar trámites en Internet, no Centro Social de Olveira, do 4 ao 7 de maio, de 10.00 a 13.00 horas; e Ocio dixital: aplicacións para desfrutar, na Casa da Cultura de Castiñeiras, do 26 ao 29 de maio, de 10.00 a 13.00 horas.
Máis información e inscricións no teléfono de contacto 981 876 043 ou no enderezo electrónico cemit.ribeira@xunta.gal.
“Seguimos capacitando á cidadanía en competencias dixitais cunha variada programación durante o primeiro trimestre do ano que abrangue dende o nivel básico ao medio/avanzado. Ademais de cuestións como o manexo de Internet, o correo electrónico ou as aplicacións móbiles, as persoas participantes terán ocasión de facer toma de contacto coa Intelixencia Artificial. A Aula CeMIT goza dun gran dinamismo, todo un exemplo. De feito, ten unha ocupación superior ao 90%. Pero tamén queremos achegar a formación ás parroquias, algo que era demandado polos nosos veciños. Por iso, poñemos en marcha unha serie de accións por cada unha das nosas parroquias”, declarou na presentación da axenda, este luns 19 de xaneiro, o concelleiro de Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal.




