O BNG de Rianxo demanda que o Concello inclúa a Casa Museo de Rafael Dieste na convocatoria de subvencións da Deputación

12 Xaneiro 2026

O BNG de Rianxo emitiu un comunicado no que reclama o Concello que inclúa a Casa Museo de Rafael Dieste na convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña, unha iniciativa que xa está vixente, indicaron, para recuperar elementos patrimoniais en concellos de menos de 50.000 habitantes e dotada cun millón de euros. A convocatoria, impulsada pola Área de Patrimonio da Deputación da Coruña, concede axudas de até 150.000 euros por actuación, cunha intensidade máxima do 80 % sobre o orzamento dos gastos subvencionábeis, sinalaron dende o BNG, engadindo que o proxecto para musealizar a Casa de Rafael Dieste encaixaría tanto na liña como no importe necesario para viabilizalo.

“Estamos a falar duns 156.000 euros”, apuntan dende a agrupación.

As subvencións están dirixidas a actuacións sobre espazos públicos e inmóbeis con valor histórico, artístico ou cultural; bens con valor tipolóxico ou etnográfico que conten coa declaración de ben de interese cultural ou que estean catalogados; elementos do patrimonio de enxeñaría, como pontes ou camiños; patrimonio marítimo, incluíndo peiraos, carpinterías de ribeira, factorías de salga ou secadoiros; e xacementos arqueolóxicos que incorporen sinalización e ou procesos de musealización.

O proxecto para finalizar as actuacións, da autoría de Pepe Barro, tamén autor da Casa de Manuel Antonio ou da reforma da Casa de Rosalía en Padrón, permitiría abordar a preparación das diferentes estancias para a visita, con elementos orixinais, tanto mobiliario restaurado como primeiras edicións cedidas a Rianxo polo poeta mexicano amigo de Dieste, Gabriel Zaid. Un percurso vital deseñado a través da biografía dos diferentes membros da familia Dieste e unha particular visión do exilio e dos creadores do exilio.

Para poder acceder ás axudas, os concellos solicitantes deben ter unha poboación inferior aos 50.000 habitantes e presentar actuacións cun orzamento mínimo de 30.000 euros.

No comunicado, o BNG indica que “ademais, os bens obxecto da intervención deben ser de titularidade municipal como é o caso dunha casa emblemática da vila e berce desa obra teatral que é a Fiestra Valdeira“.

E conclúen: “Diferentes administracións, Concello, Deputación, Estado… teñen financiado a compra, unha primeira e unha segunda fase de rehabilitación, mais resta a musealización definitiva para o que se teñen solicitado outras axudas. No caso da Xunta sen éxito ao longo dos anos para sumar un chanzo a este proxecto na rúa de Abaixo.  O período subvencionábel abrangue do 1 de xaneiro de 2026 ao 30 de xuño de 2027, coa posibilidade de solicitar unha prórroga debidamente xustificada. En atención ás características dos destinatarios, a Deputación poderá acordar o pagamento anticipado de até o 50 % do importe da subvención concedida, como financiamento necesario para o desenvolvemento das actuacións”.

Outros artigos

Venres 13, con choivas tormentosas nas Rías Baixas e Santiago

Galicia vivirá o venres 13, Santa Catalina e Benigno, unha xornada de inestabilidade atmosférica coa entrada dunha masa de aire polar marítima, con chuvascos localmente tormentosos e posible sarabia nas Rías Baixas e arredor de Santiago de Compostela. Agárdanse ceos...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.