Chuvias persistentes localmente fortes na metade oeste e refachos moi fortes de vento no litoral e en zonas altas. Temporal marítimo
O luns estará marcado polo paso dunha fronte moi activa que se desprazará lentamente sobre Galicia. A xornada presentarase con ceos nubrados, con maior presenza de nubes nas provincias atlánticas, onde se agardan chuvias persistentes e localmente intensas, especialmente no oeste, podendo rexistrarse acumulacións importantes.
Co avance do día, e especialmente durante a noite, as precipitacións acabarán estendéndose ao conxunto da Comunidade. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas apenas sufrirán variacións significativas.
O vento soprará do sur, con refachos moi fortes, sobre todo en zonas altas e no litoral atlántico, polo que se recomenda extremar as precaucións.

O noso mar: Vento do sur, forza 7 a 8. Media vaga. Visibilidade mala. Mar de fondo do sudoeste á mañá e oeste á tarde e á noite, con ondas de 2 a 2.5 metros.



