A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un vertido de augas residuais de carácter municipal na parroquia de Carreira, no concello de Ribeira.
O foco foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo hidráulico autonómico no marco dos labores rutineiros de inspección que realiza nos concellos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e tiña a súa orixe nunha rotura na tubaxe da rede de saneamento.
Esta incidencia provocaba que as augas residuais chegaran directamente a unha cuneta desde onde remataban por infiltrarse, motivo polo que se requiriu ao titular a que levara a cabo as actuacións necesarias para corrixir a situación.
Nunha inspección posterior realizada á mesma zona, técnicos do PCV puideron comprobar sobre o terreo que o Concello procedera ao arranxo e reparación da rede no punto inspeccionado, unha actuación coa que constatou que os aportes irregulares ao dominio público quedaran solucionados.




