
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo estes días unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, a quen lle trasladou “o compromiso da Xunta co desenvolvemento de novo solo industrial no municipio”.
A visita enmarcouse nunha das liñas estratéxicas do Concello de Ribeira, que traballa no proxecto para a construción do novo parque empresarial da Barbanza, “moi necesario porque todo o solo dispoñíbel no Polígono do Xarás está totalmente vendido e a demanda de parcelas por parte das empresas da zona é crecente”, sinalou a rexedora.
Neste contexto, Lorenzana manifestou a vontade da Xunta de traballar da man do Concello para axilizar a posta en funcionamento deste novo parque empresarial.




