A Asociación Etnolóxica Castelao organiza un acto floral en homenaxe a Manoel Antonio, en Rianxo este 28 de xaneiro ao mediodía

26 Xaneiro 2026


Desde a Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao anunciaron que o mércores 28 de xaneiro, ás 13:00 horas, celebrará un
acto floral de homenaxe ao poeta rianxeiro Manoel Antonio, diante da súa tumba no Cemiterio de Rianxo e cando se cumpren 96 anos do seu pasamento. O acto quere ser “un espazo de lembranza, respecto e reflexión arredor dunha das figuras máis singulares da literatura galega do século XX”. Durante a homenaxe no cemiterio haberá tamén lectura pública de textos do autor, co obxectivo de achegar a súa palabra ao lugar da súa memoria. Tras a ofrenda floral, realizarase unha visita á Casa Museo de Manoel Antonio, situada no casco histórico da vila, como continuidade simbólica da homenaxe e achegamento ao espazo vital do poeta.

Manoel Antonio vida e orixes

A asociación lembra que Manoel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo o 12 de xullo de 1900, criándose nun ambiente familiar de forte presenza educativa e relixiosa. Fillo de Ramón Pérez e Purificación Sánchez Vázquez, foi mestra, e tivo un papel fundamental na súa primeira formación intelectual. O seu tío José Sánchez Vázquez, sochantre da igrexa de Iria Flavia, marcou tamén de maneira decisiva os seus anos de infancia e mocidade.

A morte temperá do seu pai obrigou á familia a trasladarse a Padrón, feito que deixou unha fonda pegada no carácter do poeta. Esa experiencia de perda, xunto cunha educación rigorosa e humanística, contribuíu a formar unha personalidade reflexiva, inconformista e fondamente sensíbel.

Formación, mar e compromiso

Manoel Antonio formouse en Santiago de Compostela e posteriormente en Vigo, onde cursou estudos de Náutica. Durante estes anos consolidou amizades e vínculos intelectuais decisivos coa cultura galega do seu tempo, entre eles Castelao e Rafael Dieste, cos que mantivo unha relación de estima persoal, intercambio de ideas e compromiso común coa renovación cultural e co galeguismo.

Como piloto de navío en prácticas realizou diversas travesías polo Atlántico e polo Mediterráneo a bordo do pailebote Constantino Candeira. Foi precisamente durante estas viaxes cando concibiu e escribiu o seu libro máis coñecido, De catro a catro
(1928), pensado como un diario poético de navegación no que o mar se converte en
espazo simbólico de liberdade, soidade e procura interior.

“Como fomos ficando sós

no medio do mar

sen bandeiras nin sinais

que nos guiasen…”

Estes versos condensan a conciencia moderna do poeta fronte ao mundo e explican boa parte da forza e da vixencia da súa obra.

Vangarda, ideoloxía e palabra

Manoel Antonio foi unha das voces máis representativas da vangarda literaria galega.

Comprometido co galeguismo, participou nas Asembleas Nacionalistas dos anos vinte e mantivo relación con figuras destacadas da cultura galega como Castelao ou Rafael Dieste. En 1922 foi coautor, xunto con Álvaro Cebreiro, do manifesto Máis alá!, texto clave da renovación estética galega, no que se defendía unha literatura en lingua galega libre, moderna e plenamente inserida nas correntes culturais europeas:

“Hai que rachar cos moldes vellos e buscar, máis alá, unha nova expresión para o noso tempo.”

Memoria e vixencia

A pesar da súa morte prematura, falecido na parroquia rianxeira de Asados, o 28 de xaneiro de 1930, con apenas 29 anos, a obra de Manoel Antonio consolidouse como unha das achegas máis decisivas e perdurábeis da literatura galega contemporánea. O poeta, figura central da vangarda mariñeira, deixou un legado que continúa a influír en xeracións de creadores.

En recoñecemento á súa importancia histórica e literaria, foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 1979, consolidando a súa figura como un dos grandes referentes da modernidade poética en Galicia.

Con este acto, a Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao quere contribuír á conservación da súa memoria e á difusión “dunha obra que segue a interpelar ás novas xeracións”.

O acto está aberto ao público.

Lugar: Cemiterio de Rianxo

Data: Mércores, 28 de xaneiro de 2026

Hora: 13:00 h

Outros artigos

Comeza en Boiro a III Feira de Emprego do Barbanza

A primeira hora deste xoves 16 e abril comezaron as actividades da III Feira de Emprego do Barbanza, unha xornada organizada polo Concello de Boiro para impulsar o talento e a economía local. Celébrase no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento do...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.