
O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, emitiu un comunicado no que critica o investimento previsto polo Concello na remodelación integral da Casa da Cultura, á que se van destinar 4 millóns de euros, unha cifra “inaceptábel”, di, para un proxecto que “ninguén pediu, ninguén necesita e que a inmensa maioría dos veciños rexeita con claridade”, apuntou.
Piqueras di ademais que o edificio existente “tan só necesitaba un lavado de fronte, unha man de pintura e un mantemento básico, tarefas perfectamente asumíbeis cun gasto mínimo e sen necesidade de derrubar a infraestrutura para construír un megaproxecto millonario totalmente inxustificado”, sinalan, indicando que “esta era unha actuación sinxela, razoábel e económica; non había ningunha razón técnica nin social para emprender unha demolición case total”.
O grupo sotén que o investimento supón “tirar 4 millóns de euros nun proxecto inútil mentres se aparcan obras necesarias e reclamadas desde hai anos. Con ese diñeiro poderíanse mellorar rúas, camiños, instalacións deportivas, servizos básicos ou espazos realmente útiles”.
O proxecto
O Concello de Boiro impulsou en 2025 o proxecto para a rehabilitación integral da Casa da Cultura, cun investimento que ascende aos 3.854.895 euros. Para levar a cabo esta actuación, contase cunha subvención por importe de 1.562.468 euros, dependente dos Ministerios de Transportes y Mobilidad Sostenible e Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana a través do PIREP local.
A nova arquitectura vai renovar por completo o edificio actual, construído en 1988 e que conta con 1.792 metros cadrados de superficie, e transformarase nun inmóbel de 2.927 metros cadrados para dar os servizos do século XXI. No novo edificio van convivir a área administrativa, a biblioteca e o auditorio. Os detalles da iniciativa foron compartidos polo equipo de Goberno o pasado mes de abril, para quen queira consultalos.



