O Concello de Boiro compartiu os detalles do seu proxecto para a rehabilitación integral da Casa da Cultura, cun investimento que ascende aos 3.854.895 euros. Para levar a cabo esta actuación, contase cunha subvención por importe de 1.562.468 euros, dependente dos Ministerios de Transportes y Mobilidad Sostenible e Miniserio de Vivienda y Agenda Urbana a través do PIREP local. O alcalde, José Ramón Romero; o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz; a concelleira de Cultura, María Outeiral; e o arquitecto municipal e redactor do proxecto, Emilio Piña, visitaron na mañá deste 25 de abril a Casa da Cultura para coñecer como se artellarán os espazos.

“O obxectivo deste proxecto é contar cun auditorio polivalente e con proxección de futuro, así como unha nova biblioteca e aula de estudo que dea resposta ás necesidades actuais”, afirmou o alcalde, engadindo que se garantirán os estándares de eficiencia e sostibilidade, así como de accesibilidade universal.
Explicou que a nova arquitectura vai renovar por completo o edificio actual, construído en 1988 e que conta con 1.792 metros cadrados de superficie, e transformarase nun inmóbel de 2.927 metros cadrados para dar os servizos do século XXI. No novo edificio van convivir a área administrativa, a biblioteca e o auditorio.

A área administrativa estará conformada por un espazo de traballo novo para a atención ao público con despachos de traballo e espazos totalmente accesíbeis así como unha sala de reunións polivalente e espazos de almacén e arquivo.
A biblioteca estará adaptada ás novas necesidades e requirimentos actuais con catro espazos diferenciados. Por unha banda, un clásico espazo de arquivo e deposito de fondos; aula de estudo para 32 postos, que disporá cada un de iluminación individualizada e sistemas de carga para dispositivos; un espazo informático illado, con 8 postos; e un espazo específico para ludoteca e actividades infantís de fomento da lectura como as que xa se veñen desenvolvendo na actualidade.
Para o Concello, “o gran protagonista desta reforma” vai ser “o auditorio”, que ampliará a súa capacidade para un total de 535 espectadores, unha ampliación do 46% con respecto á súa capacidade actual; xerándose “un espazo versátil que permitirá o uso flexíbel cunha ocupación do 50%, 70% ou 100%”. Será, sinalou o Concello, “un espazo cun deseño fono-acústico pensado para a máxima calidade de son, con butacas de fabricación española de máxima comodidade e ergonomía”.

O espazo do auditorio completarase con camerinos, espazo de almacén, unha sala polivalente que permitirá actividades de formación, un vestíbulo principal para a realización de actos e a renovación integral dos aseos.
Ademais, a totalidade do inmóbel está deseñado para que o balance de emisións e consumo sexa cero mediante a mellora do illamento térmico, mellora da iluminación cun sistema de moi baixo consumo, sistemas de calidade de aire interior con renovación, instalación de sistemas de xeración de enerxía fotovoltaica. “Todo isto vai permitir pasar do edificio actual, cunha cualificación enerxética E a un de cualificación enerxética A”, engadiron.

Ademais, o novo edificio contará con accesibilidade plena e universal dende a avenida da Constitución, para o que se vai crear un percorrido con zonas de sombra e descanso a modo de gran vestíbulo exterior con pendentes inferiores ao 7% que permita conectar o inmoble coa rúa.
O proxecto para a rehabilitación da Casa da Cultura de Boiro será proposto para o seu debate e aprobación no Pleno da corporación que terá lugar na vindeira semana.





