O conselleiro de Sanidade e o alcalde do Porto do Son mantiveron esta tarde unha xuntanza destinada a analizar as necesidades de arranxo do consultorio médico de Portosín, co obxectivo de garantir unha atención sanitaria en condicións óptimas para a veciñanza.
Durante o encontro, ambas partes tamén abordaron o proxecto do futuro centro de saúde que se construirá no municipio. Esta nova infraestrutura permitirá ampliar e modernizar a carteira de servizos, así como mellorar os espazos asistenciais e a capacidade de atención.
O Concello prevé remitir nas vindeiras datas a documentación necesaria para formalizar a cesión da parcela ao Servizo Galego de Saúde, un paso imprescindible para avanzar na planificación e execución do novo edificio sanitario.




