Durante a mañá do sábado 20, entrará polo litoral atlántico unha fronte fría que irá cruzando Galicia ao longo do día, deixando tras de si unha masa de aire moi frío. Esta situación meteorolóxica provocará ceos nubrados e chuvias, que comezarán pola mañá na metade oeste da comunidade e que, co avance da xornada, se estenderán ao conxunto do territorio en forma de chuvascos.
Segundo avance o día, especialmente cara á tarde e á noite, non se descarta que as precipitacións poidan adquirir carácter treboento, con posibilidade de sarabia. A cota de neve irá descendendo progresivamente ata situarse arredor dos 600 metros na madrugada do domingo.
As temperaturas rexistrarán un lixeiro a moderado descenso, acentuando a sensación de frío, mentres que os ventos soprarán do suroeste, moderados en xeral pero fortes no litoral e en zonas altas, rolando a oeste-noroeste tras o paso da fronte. (4 graos de mínimo e 12 de máxima).
O domingo seguirán as chuvias intremitentes e temperaturas baixas.

O noso mar: Vento do sur á mañá, do oeste á tarde e do noroeste á noite, forza 5 a 6 á mañá e á noite e 5 a 7 á tarde. Forte marusía á mañá e á noite e media vaga á tarde. Visibilidade mala á mañá e á tarde e regular á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 3 a 4 metros á mañá, 4 a 5 metros á tarde e 5 a 6 metros á noite.



