Padrón conmemora a Traslatio do Apóstolo Santiago cun acto solemne na Igrexa de Santiago

30 Decembro 2025

O Concello de Padrón celebrou na tarde deste martes a Conmemoración da Traslatio do Apóstolo Santiago, un dos episodios máis emblemáticos da tradición xacobea, que lembra a chegada por mar dos restos do Apóstolo ao antigo porto de Iria Flavia. A cerimonia tivo lugar na Igrexa de Santiago e reuniu a numerosa veciñanza e persoas visitantes nun acto cargado de simbolismo, historia e sentimento colectivo.

O acto deu comezo cunha misa solemne, oficiada polo deán da Catedral de Santiago, Manuel Jesús Formoso, e acompañada pola interpretación da Coral Polifónica Padronesa, que puxo música a unha celebración fondamente arraigada no sentir da vila.

Durante a súa intervención, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, puxo en valor o papel central do municipio no relato xacobeo, lembrando que “Padrón ocupa un lugar fundamental na tradición xacobea, como punto no que, segundo a tradición, chegou o corpo do Apóstolo Santiago tras a súa decapitación en Xerusalén”. O rexedor subliñou que a Traslatio é “un fito esencial non só na historia de Padrón, senón tamén do Occidente cristián”, destacando a continuidade desta conmemoración ao longo de vinte séculos.

Arca detívose especialmente no significado do Pedrón, a ara romana que se conserva baixo o retablo maior da igrexa, lembrando que “ao Pedrón amarrouse a barca na que viaxaba o corpo do Apóstolo, vinculando para sempre a Padrón coa súa figura e mesmo dando, quizais, nome á nosa vila”. Neste senso, destacou que Padrón se erixe como “berce da tradición xacobea”, recoñecido e visitado cada ano por milleiros de peregrinos e peregrinas, tanto a través do Camiño Portugués como da Pedronía, título específico cuxas solicitudes seguen a medrar.

O alcalde tamén puxo en valor o labor de conservación e mellora da Igrexa de Santiago, salientando o traballo do párroco Roberto Martínez, peregrino de honra neste ano 2025, así como o apoio de particulares e institucións. Neste contexto, anunciou que o templo poderá contar proximamente coa restauración do retablo maior e coa instalación dun desfibrilador, converténdose nun espazo cardioprotexido.

Nunha parte máis reflexiva da súa intervención, Anxo Arca fixo un chamamento á paz e á solidariedade internacional, referíndose á situación en Palestina e á guerra en Ucraína, e pediu ao Apóstolo “que a intransixencia relixiosa e política non se impoña á liberdade, que os gobernantes saibamos dialogar e chegar a acordos e que nunca decaia o noso espírito solidario”. O rexedor reclamou tamén o fin da violencia machista, a dignificación dos colectivos máis desfavorecidos, a igualdade de oportunidades e o coidado das persoas maiores.

Vínculo internacional e música para pechar a xornada

A cerimonia contou coa presenza de representantes de diferentes colectivos, entre eles a Asociación Cultural Polonia en Galicia, coa participación de Katarzyna Jablonska, á que o alcalde agradeceu especialmente a súa asistencia, destacando o vínculo do pobo polaco cos Camiños de Santiago e con Padrón.

A conmemoración continuou cun concerto de cancións de Nadal a cargo da Banda Municipal de Padrón, ofrecendo un momento de encontro e convivencia arredor da música nestas datas sinaladas.

Con motivo desta xornada, permitiuse tamén o acceso á cámara na que se conserva o Pedrón, unha das pezas patrimoniais máis relevantes da tradición xacobea e estreitamente vencellada á figura do Apóstolo Santiago.

A Traslatio representa cada ano unha oportunidade para reivindicar o papel histórico, cultural e espiritual de Padrón, consolidándose como berce dunha tradición que atravesou séculos e fronteiras e que continúa viva grazas á implicación da veciñanza e ao compromiso institucional coa preservación do seu legado.

Outros artigos

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...