Os bombeiros rescataron na tarde deste martes a un operario que quedou cunha perna atrapada baixo un camión de obra no municipio da Pobra do Caramiñal. O ferido foi posteriormente evacuado en helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico de Santiago.

O suceso produciuse pouco antes das 16:00 horas, cando o 112 Galicia recibiu o aviso dun traballador accidentado á beira da estrada AC-302, na recta de Lesón, á altura duns talleres. Tras a chamada, activáronse de inmediato os recursos de emerxencia.
Ata o lugar desprazáronse efectivos do parque comarcal de Bombeiros de Boiro, que empregaron tacos e material hidráulico para liberar ao operario, así como bombeiros de Ribeira, persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Local.
Unha vez liberado e accesible, o ferido foi atendido polo equipo sanitario no lugar do accidente e, debido á gravidade das lesións, procedeuse ao seu traslado aéreo ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
A Policía Local encargouse de recoller a información relativa ao suceso, que se produciu no ámbito dun accidente laboral



