O PP denuncia a falta de preparación do Goberno ante a plena aplicación do novo regulamento europeo de control pesqueiro

19 Decembro 2025

Os portavoces do Grupo Popular no Congreso e o Senado, Rosa Quintana e Manuel Ruiz, denunciaron a “deixadez” do Goberno de España ante a inminente plena aplicación do Regulamento (UE) 2023/2842, que entrará en vigor o próximo 10 de xaneiro de 2026 e que introduce profundos cambios no sistema de control da Política Pesqueira Común.

O novo regulamento impón novas obrigacións de acompañamento, de notificación electrónica, de localización, de rastreabilidade dixital e de control das actividades de pesca, o que, segundo os populares, terá un forte impacto para o sector, especialmente para a pesca costeira artesanal. A menos dun mes da súa aplicación obrigatoria, o PP denuncia que España carece dun plan operativo público que garanta a súa correcta implantación e evite consecuencias negativas para as flotas.

Rosa Quintana e Manuel Ruiz alertan de que este atraso supón un grave risco para a continuidade da actividade pesqueira, a seguridade xurídica do sector e a igualdade competitiva con outros Estados membros que si avanzaron na adaptación. Entre as posibles consecuencias sinalan a imposibilidade práctica de cumprir a normativa, a imposición de sancións, o colapso administrativo e un impacto especialmente duro nas comunidades pesqueiras máis vulnerables.

A maior preocupación do sector céntrase na implantación do sistema ERS (diario electrónico de a bordo) , o rexistro electrónico de capturas, a notificación previa de entrada en porto, a declaración electrónica de desembarque, a trazabilidade dixital obrigatoria desde a primeira venda e a pesaxe obrigatoria antes da primeira comercialización, medidas que, segundo o PP, resultan hoxe por hoxe “inviables e inasumibles” para boa parte da flota, especialmente para os buques de pequena eslora con limitacións tecnolóxicas e de conectividade.

Tamén suscita preocupación o reforzo do control sobre a pesca recreativa en especies suxeitas a TACs ou obriga de desembarque, como o atún vermello ou o peixe espada, así como os novos requisitos vinculados á exportación de produtos pesqueiros, entre eles o uso obrigatorio do sistema dixital CATCH contra a pesca ilegal.

Ante esta situación, os voceiros populares esixen ao Goberno a posta en marcha urxente dun plan de análise do sector que identifique que segmentos da flota non están preparados para cumprir o regulamento, así como un programa de axudas económicas e técnicas que garanta que ningunha embarcación quede excluída por falta de medios. Reclaman ademais o establecemento dun período transitorio que evite sancións derivadas da parálise administrativa e que España defenda ante a Unión Europea un prazo de adaptación razoable para as flotas de pequena escala.

Estas demandas recóllense nunha moción presentada polo Grupo Parlamentario Popular, que insta á Comisión de Pesca do Senado a esixir ao Executivo unha actuación inmediata para evitar que o sector pesqueiro español afronte a entrada en vigor do regulamento nunha situación de inseguridade e desprotección.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Noia celebra un obradoiro básico e práctico de lingua galega

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Noia pon en marcha unha nova actividade dirixida a persoas adultas interesadas en iniciarse no uso oral e escrito do galego: un obradoiro básico e práctico de lingua galega. A actividade formativa será de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.