O PP de Padrón acusa ao goberno socialista de perder 716.000 euros en axudas da Xunta durante 2025

30 Decembro 2025

O Partido Popular de Padrón realizou un duro balance da xestión do goberno local socialista durante o ano 2025, que, segundo os populares, quedará marcado como “o exercicio no que o Concello perdeu 716.000 euros de axudas da Xunta de Galicia”.

Así o afirmou este luns o portavoz municipal do PP, Ángel Rodríguez Conde, quen atribuíu esta perda a “a soberbia, as mentiras e a farándula” do alcalde, Anxo Arca, e advertiu de que as súas decisións “estanlle saíndo moi caras á veciñanza”.

Segundo explicou Rodríguez Conde, os fondos autonómicos perdidos estaban destinados a dúas actuacións consideradas prioritarias: a rehabilitación da escola infantil, que contaba cunha subvención de 396.000 euros, e a primeira fase da reforma da praza de abastos. En relación coa escola infantil, o voceiro popular lembrou que a primeira licitación quedou deserta e que o alcalde responsabilizou entón ás empresas construtoras, asegurando que a contratación das obras estaba encarrilada. “O tempo demostrou que iso era completamente falso” , lamentou.

Respecto á praza de abastos, o PP denunciou que pasou de ser “un proxecto estrela a un proxecto pantasma” , con meses de silencio e, ao seu xuízo, “unha absoluta falta de transparencia” por parte do goberno local.

Os populares sosteñen que, mentres se perdían estas axudas, o alcalde incrementaba o gasto en autobombo e celebracións, relegando proxectos transformadores e necesidades urxentes do municipio. Entre elas, Rodríguez Conde citou a falta de avances na humanización da travesía da N-550 na entrada desde A Ponte, a ausencia de solucións ao problema da vivenda, a paralización do PXOM e a falta de concreción na colaboración coa Consellería de Sanidade para a reforma do centro de saúde.

En relación co Plan Xeral de Ordenación Municipal, o voceiro popular acusou ao alcalde de “volver mentir” ao non cumprir o seu compromiso de convocar, tras o verán, unha reunión co equipo redactor e a oposición. Ademais, asegurou que nun recente encontro veciñal en Pazos, o propio rexedor tería recoñecido que renuncia a aprobar o plan urbanístico durante o actual mandato.

Rodríguez Conde alertou tamén de que o alcalde “está a poñer en risco” investimentos previstos por Augas de Galicia en Padrón por un importe de tres millóns de euros, entre elas un proxecto de preto de 900.000 euros destinado a minimizar o impacto das inundacións en Tarrío, actuación que considera clave para poder acometer futuras intervencións en zonas como Cambelas e Lamas.

Por último, o portavoz do PP criticou a estratexia de confrontación permanente do alcalde coa Xunta de Galicia, que cualificou de “completamente estéril” para os intereses do municipio, e recomendoulle que pida aos Reis Magos “máis humildade, máis memoria para non esquecer que goberna en minoría e unha maior predisposición ao diálogo coa oposición”.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.