Este mércores 10, Nosa Señora de Loreto, quedaremos baixo a influencia transitoria das altas presións, o que deixará unha xornada marcada pola presenza de néboas, algunhas precipitacións débiles e un ambiente algo máis fresco.
A primeira hora do día poderán formarse bancos de néboa no interior, mentres que na costa da Comunidade non se descarta a aparición dalgún chuvasco ocasional nas primeiras horas.
Co avance da xornada, os ceos irán alternando nubes e claros, sen esperarse fenómenos meteorolóxicos de relevancia. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso, tanto nas máximas como nas mínimas.
O vento soprará frouxo de compoñente norte ao longo do día, aínda que á noite virará a compoñente sur, anunciando un posible cambio de tempo para as vindeiras horas.

O noso mar: Vento variable á mañá, do noroeste á tarde e do sueste á noite, forza 1 a 3 á mañá e 2 a 4 á tarde e á noite. Mar ovellado á mañá e marusía á tarde e á noite. Visibilidade regular á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do oeste, con ondas de 3 a 3.5 metros.



