Este fin de semana, Noia ofrece plans para todos os gustos, incluídos plans en plena natureza dirixidos a descubrir os tesouros ambientais e históricos da vila e da súa contorna. Na axenda inclúese a Ruta cara a aldea de Xei, en palabras do Concello, “unha estupenda oportunidade para gozar deste Nadal”. Será este sábado 27 de novembro a partir das 10.00 horas, con saída dende a Casa do Concello, a carón da Alameda. As persoas interesadas en participar poden enviar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, móbil) á conta de correo turismoconcellodenoia@gmail.com. Trátase dunha actividade gratuíta. A aldea abandonada de Xei é un núcleo con muíños tradicionais que está emprazado na beira do río Traba ou Vilacoba, a menos de dous quilómetros da vila de Noia. Malia que durante moi tempo foi inaccesíbel para boa parte dos veciños e visitantes, hoxe está comunicada con Noia a través dun paseo fluvial de gran beleza que discorre por frondosos bosques de ribeira ben conservados e de gran valor ambiental.




