Os tres, pais e filla, foron os afectados e trasladados ata o centro de saúde da localidade.

Todo parece indicar que un quentador puido ser a causa da fuga deste gas, así o comunicaban os Bombeiros ao 112 Galicia despois de facer as correspondentes medicións. Indicaban tamén que, na vivenda, situada no lugar Aldea de Arriba, en Castro, había dous gatos que, afortunadamente, estaban vivos.
Segundo o relato dos profesionais que acudiron ao punto, o home, o primeiro en darse conta da posible fuga e cos primeiros síntomas, desconectou axiña un quentador e unha estufa de gas e procedeu a ventilar a estancia. Aínda así, a familia tivo que ser evacuada pola intoxicación.
Sucedeu ao fío das catro desta pasada madrugada. O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, contactou a esa hora co 112 Galicia para informar que estaban no centro de saúde con dúas persoas afectadas por intoxicación e que unha terceira, o menos afectado, quedaba no domicilio agardando pola ambulancia.
Nada mais recibir a chamada dos sanitarios, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Boiro, que se desprazaron ata o lugar de inmediato. Así mesmo, tamén foron informados os axentes da Garda Civil e da Policía Local, así como os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.



