Na tarde deste luns 15 de decembro entregáronse os premios aos gañadores dos concursos de postais e adorno do Nadal que, cada ano, promove a compañía.

A empresa CONGALSA, con sede na Pobra do Caramiñal e especializada en solucións de alimentación, deu inicio ás súas celebracións do Nadal cun completo programa de actividades dirixido a fomentar a creatividade, a solidariedade e o espírito festivo entre o seu persoal e as súas familias.
Dentro desta programación, este luns 15 celebrouse a entrega de premios do tradicional Concurso de Postais de Nadal, unha iniciativa dirixida a nenos, nenas e mozos vinculados familiarmente coa compañía. Nesta edición presentáronse un total de 56 traballos. O xurado, integrado por voluntarios do Proxecto Persoas de CONGALSA, premiou a Saúl Brión (3 anos) na categoría de 3 a 6 anos; a Fabio Fernández (7 anos) na de 7 a 10 anos; e a Elina Sanlés (15 anos) na franxa de 11 a 17 anos.
Todos os participantes recibiron un agasallo pola súa implicación no certame, mentres que os gañadores foron recoñecidos con material de debuxo e pintura. Como vén sendo habitual, as postais premiadas converteranse nas felicitacións oficiais da empresa durante estas festas.
Paralelamente, celebrouse a terceira edición do Concurso de Decoración do Nadal dirixido ao persoal da compañía, no que participaron seis empregados. A gañadora foi María del Rocío Pazos, operaria de produción da quenda de noite en Deán, quen recibiu material decorativo navideño como premio.
A entrega de galardóns tivo lugar pola tarde nas instalacións de CONGALSA e contou coa presenza dos nenos participantes acompañados das súas familias, así como dos empregados que tomaron parte no concurso de decoración. Os premios foron entregados pola directora xeral da compañía, Noela Prieto.
Tralo acto, os asistentes gozaron dunha visita guiada polas instalacións da empresa e puxeron o peche á xornada cunha chocolatada con churros de Ibercook Food Service, unha das marcas do grupo.
As celebracións de Nadal en CONGALSA inclúen tamén un destacado compoñente solidario. Un ano máis, a empresa puxo en marcha unha recollida de xoguetes que permanecerá activa ata o venres 19 de decembro. Os xoguetes doados serán entregados a entidades locais que traballan con colectivos desfavorecidos e familias en risco de exclusión social. Para facilitar a participación, habilitouse un colector na entrada das instalacións.
O programa festivo culminará o próximo día 19 coa tradicional cea de Nadal, que reunirá a toda a plantilla no Pavillón Deportivo Torres Colomer de Palmeira.




