Catro persoas tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia tras dous accidentes de tráfico rexistrados na mañá deste martes na AG-11, á altura do quilómetro 28, ao seu paso por Lampón, no concello de Boiro.

Os feitos producíronse arredor das 08:15 horas, cando un particular contactou co 112 Galicia para alertar dunha saída de vía dun vehículo que acabou chocando contra a mediana. Pouco despois, outras chamadas advertiron de que, como consecuencia deste primeiro sinistro, se produciran novas colisións doutros vehículos implicados.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia activáronse de inmediato os recursos necesarios, mobilizando ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.
Segundo a información facilitada polos equipos desprazados ao lugar, catro persoas resultaron feridas e foron trasladadas ao hospital con diversas consideracións clínicas.
Actualización
De acordo coa última información achegada pola Garda Civil de Tráfico, no punto rexistráronse dous accidentes diferenciados: o primeiro consistiu nunha saída de vía e, posteriormente, como consecuencia deste, outro vehículo colisionou contra un camión.



