A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, autorizou unha prórroga excepcional da concesión que Jealsa Foods mantén no porto de Bodión, no municipio de Boiro. A ampliación, avalada polo Consello da Xunta esta mesma mañá, estende o prazo de vixencia ata 75 anos, o máximo legal permitido, polo que a industria poderá permanecer no enclave portuario ata o ano 2067.
Esta decisión responde á solicitude presentada polo grupo conserveiro ao abeiro da modificación da Lei de Portos de Galicia, en vigor desde o 1 de xaneiro de 2025, que eleva o límite das concesións de 50 a 75 anos sempre que exista un investimento proporcional asociado á ampliación. A actualización normativa permite equiparar a lexislación galega á estatal e evita que resulte máis restritiva.

Primeira concesión ampliada ata o máximo legal
Trátase da primeira prórroga concedida ao abeiro desta nova regulación. A data de extinción pasa así ao 3 de xuño de 2067, tras acreditar Jealsa Foods os dous requisitos legais: o interese estratéxico da concesión e un investimento proporcional ao incremento do prazo.
No relativo ao interese estratéxico, Portos de Galicia destaca o impacto socioeconómico do grupo conserveiro no Barbanza. Jealsa xera actualmente 3.000 empregos directos nos seus centros da comarca —cun incremento interanual do 11 %— e preto de 12.000 indirectos. Ademais, o 72 % do seu persoal é feminino e a empresa integra 34 persoas con discapacidade, reforzando o seu compromiso coa inclusión laboral.
Investimentos de 8 millóns de euros
En canto ao investimento requirido pola lei, que debe superar os 500.000 euros, Jealsa comprométese a unha achega global de 8 millóns de euros nos vindeiros anos. Entre as actuacións previstas figuran:
- Renovación da cuberta da nave principal para mellorar a eficiencia enerxética.
- Construción dunha nova nave, cun investimento conxunto de 3,2 millóns de euros.
- Reconstrución dunha nave industrial incendiada, cun custo estimado de 4,8 millóns de euros.
Estabilidade xurídica e garantía de emprego
Portos de Galicia subliña que esta ampliación achega seguridade xurídica á actividade da conserveira e incentiva novos investimentos no porto de Bodión. Ao tempo, contribúe a evitar unha posible deslocalización, consolidar o emprego existente e favorecer a creación de novos postos de traballo nunha das principais industrias da comarca.



