A edición de 2025 do Trail de Lousame pasará á historia como a máis concorrida e espectacular das nove celebradas ata o de agora. Cun total de 512 atletas inscritos, un 19 % máis ca na edición anterior, a proba bateu o seu récord de participación, ao que se suma tamén a maior afluencia histórica no Trail Curto, con 338 participantes, tras autorizar a organización 50 prazas adicionais para dar resposta á elevada demanda.
O terceiro gran fito da xornada chegou da man do vencedor absoluto do Trail Longo, Alexandre Otero Iglesias (SD Barbantia Roda), actual campión galego de Carreira por Montaña, que se converteu no primeiro atleta en baixar das dúas horas no Trail de Lousame. Otero cruzou a liña de meta cun tempo histórico de 1 hora 57 minutos e 28 segundos, pulverizando o anterior récord, en poder de Elpidio Gómez desde 2021.
A xornada estivo acompañada por unhas condicións meteorolóxicas favorables, malia o frío inicial. A saída do Trail Longo, ás 10.00 horas, produciuse con temperaturas próximas aos cero graos, obrigando aos atletas a quentar no interior do polideportivo Pilar Barreiro Senra. Co avance do día, o sol fixo acto de presenza e a temperatura acadou uns agradables 16 graos. O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, foi o encargado de dar a saída ás dúas probas, agradecendo a participación dos atletas e destacando o labor dos técnicos municipais e dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias.
Esta edición foi a primeira organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, polo que a proba puntuou para o circuíto Galicia Trail Running Series, pechando o ranking oficial de 2025 que será recoñecido na Gala Anual da Federación.

Trail Longo
Alexandre Otero confirmou os prognósticos e venceu con gran autoridade nun percorrido de 25 quilómetros e 1.140 metros de desnivel positivo, entrando en meta en solitario. A segunda posición foi para Damián González Castro (Boiro), gañador da edición de 2024, cun tempo de 2 horas 1 minuto e 17 segundos, mentres que o terceiro posto foi para Federico Losada Conde (CD Biosbardos), con 2 horas 1 minuto e 47 segundos. De feito, os seis primeiros clasificados lograron baixar do anterior récord da proba, evidenciando o alto nivel competitivo desta edición.
Na categoría feminina, a vitoria foi para Bea Barroso Pérez (Club Atletismo Noia), cun tempo de 2 horas 37 minutos e 48 segundos, seguida de Lucía Peón Santomé (Atletismo Arenteiro) e Shirley Carolina Garcés Soto (Traileros Toxos & Birras).

Trail Curto
No Trail Curto, a ausencia do nicrariense Rubén Martínez Mayo, gañador de cinco edicións, abriu a loita polo triunfo. A vitoria foi para Adrián Sesar Míguez (Club Atletismo Santiago), cun tempo de 1 hora 7 minutos e 17 segundos, seguido de Maxi Oubiña Falcón (Club Atletismo Cambados) e do padronés David Seage Danza.
En categoría feminina, impúxose Julia Salvado Diéguez (SD Compostela Atletismo), cun tempo de 1 hora 22 minutos e 47 segundos, por diante de Carmen Rodríguez Villaverde e de Nerea Castro Nogueira, que entrou en meta xunto á súa irmá María Saleta.
Entrega de premios e agradecementos
A entrega de premios contou coa presenza da tenente de alcalde Silvia Agrafojo, da concelleira de Deportes Mariel Agrafojo Nieto, do concelleiro de Seguridade Viaria José Antonio Ces Barreiro e de Pablo Roo, xerente de Futuránea, patrocinador principal da proba.
Tamén se recoñeceu aos mellores atletas locais e ao club máis numeroso, distinción que volveu recaer no Tribu Trail. Antes da cerimonia, as persoas participantes compartiron unha comida popular.
Desde o Concello de Lousame agradeceron especialmente a colaboración dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias, así como de Cruz Roja Noia e Protección Civil de Lousame, cuxo apoio foi clave para o correcto desenvolvemento da proba.
O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico e a Federación Galega de Atletismo, e conta co patrocinio de numerosas empresas locais e do sector deportivo.





