A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, cederá temporalmente ao Concello de Rianxo a parcela contigua ao auditorio municipal para o seu uso como aparcadoiro público, destinado tanto a usuarios portuarios como á veciñanza en xeral.
Así o anunciou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, durante unha visita á zona na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez. Segundo explicou, trátase dunha parcela de máis de 6.000 metros cadrados que actualmente non rexistra actividade portuaria e cuxa utilización foi solicitada polo Concello.

Portos de Galicia facilitará este uso en beneficio da veciñanza, permitindo a súa habilitación como estacionamento público, sen prexuízo de que poida ser recuperada para uso portuario no momento en que se presente unha proposta de actuación neste espazo.
Para formalizar a cesión, Portos de Galicia e o Concello de Rianxo asinarán un convenio de colaboración polo cal o ente público autonómico porá a disposición da administración local a parcela sen cobro de taxas, mentres que o Concello asumirá as obras de pavimentación e o mantemento do espazo. A conselleira sinalou que esta cesión se enmarca na vontade de colaboración institucional de Portos de Galicia, do mesmo xeito que o convenio remitido recentemente para regular a explotación municipal da depuradora e do tanque de tormentas situados en terreo portuario.
Novo porto deportivo
Durante a súa visita ao porto de Rianxo, Marta Villaverde lembrou tamén que Portos de Galicia outorgou o pasado mes de novembro a concesión ao Club Náutico de Rianxo para a construción e explotación dunhas novas instalacións náutico-deportivas, cun investimento previsto de 1,7 millóns de euros.
O proxecto contempla a creación de 174 novas prazas de amarre, das cales 134 se executarán na primeira fase e 40 na segunda. Todos os atraques disporán de subministración de auga e electricidade. Ademais, renovarase a zona de terra con novas edificacións destinadas a cafetería, oficinas, vestiarios e pañol para vela lixeira.
Finalmente, a conselleira tamén informou dos avances na tramitación do proxecto de mellora da operatividade do porto rianxeiro, que prevé a dotación de prazas de amarre para os preto de 300 usuarios actuais desta instalación.



