Xa se poden mercar as entradas para a XXVI Mostra de Curtas Vila de Noia

09 Novembro 2025

O Concello de Noia fixo saber que xa están á venda as entradas para a Sección Oficial da Mostra Internacional de Curtametraxes Vila de Noia, que chega os vindeiros días á súa XXVI edición. Será un prezo único de cinco euros para os cinco días de proxeccións.

A maiores, o Concello informou da posta en marcha da nova web do certame, creada por Sese Villaverde e dispoñíbel en curtasnoia.gal.
Un espazo dinámico que recolle toda a información desta edición e da historia do festival.

O festival celebrarase entre os días 12 e 22 de novembro.

A axenda foi presentada o pasado venres 31 de outubro de 2025, nunha rolda de prensa celebrada na Casa do Concello de Noia, coa presenza do alcalde Francisco Pérez, o tenente de alcalde Manolo Seijas e a concelleira de Cultura, Chelo Martínez.

Arredor das Curtas

A Mostra reforza este ano o seu programa Arredor das Curtas, un espazo de aprendizaxe e encontro que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de novembro no Edificio do Casino e na Cafetería Sociedade Liceo. Por alí pasarán voces destacadas como Juantxu Álvarez, director executivo (CEO) de Gossua Producciones e experto en Intelixencia Artificial, que ofrecerá dúas sesións sobre a IA no audiovisual, explorando as fronteiras entre a tecnoloxía e a creación. Tamén estará Álex Agüera, director do último videoclip de Estopa, quen achegará a música ao cine cun obradoiro práctico sobre como crear un contido musical.

Ademais, Festhome, a maior plataforma europea de distribución de curtas, compartirá escenario con Sonia Bautista de Nuevos Realizadores e Fernando Patín, distribuidor independente brasileiro, achegando ao público consellos e estratexias sobre distribución internacional.

Arredor das Curtas será tamén un punto de encontro real, con espazos de networking, pitching e conversas onde produtoras, creadoras/es e estudantes compartirán ideas e proxectos.

No corazón da programación volve tamén Cousas de Aquí, unha sección que “emociona por falar dende a proximidade, dende o que somos”, sinalaron dende o Concello, engadindo que o mércores 19, o Coliseo Noela acollerá a proxección de Serafín El Castañero, de Nacho Carnota e Jorge García; Strobo, documental realizado polo Colexio da Peña; a intervención de Mercedes Silva “Totakeki”, influente e voz contemporánea da vila; e Este sol non é coma ningún, de César Souto e Luis Avilés.

O sábado 15 chegará un dos momentos máis agardados desta nova edición: a estrea de Rondallas, producida por Bambú Producciones, coa presenza do seu elenco e equipo técnico: unha estrea que “une a profesionalidade das grandes produtoras coa calidez dunha vila que vive o cinema como algo propio”, explicou o Concello.

Sección Oficial

E, como cada ano, o público poderá gozar das sesións da Sección Oficial, que reunirán as mellores curtas desta edición competindo polo gran premio da Mostra. Tamén haberá espazos para descubrir libros, proxectos e escenarios: o domingo 16 celebrarase Noia Plató Natural, un percorrido polos lugares da vila que se converteron en set de rodaxe, e presentarase a obra literaria de Álex Agüera, Cine desde Cero e Mi primer cortometraje, dúas guías para seguir alimentando o espírito creador.

A edición completarase coa premier do documental Sólo pienso en ti, de Víctor Manuel, o xoves 20, coa participación dos seus directores, produtores e actores, antes de chegar ao sábado 22, cando a gala de clausura devolverá ao Coliseo Noela toda a emoción acumulada.

“Será unha noite de homenaxes, premios e lembranzas, un broche de ouro que celebra 26 anos de historias feitas imaxe, 26 anos de ilusións compartidas entre unha vila e o seu público”, sinalou o alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacando que “a Mostra de Curtas é moito máis que un festival; é un sentimento que se renova cada novembro, unha fiestra aberta ao mundo dende o corazón dunha vila que aprendeu a falar en fotogramas. O tempo pasará, mudarán as tecnoloxías e as xeracións, pero en Noia seguirá viva a paixón por contar, por mirar e por vivir o cinema”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, subliñou que “estes 26 anos de historia demostran que cando unha comunidade cre na cultura, pode converter un proxecto local nun referente internacional. A Mostra é un orgullo para Noia e un exemplo de como o audiovisual galego pode seguir medrando con talento, esforzo e ilusión”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.