O Coliseo Noela (Noia) acollerá este luns 10 de novembro, ás 19:30 horas, a premier do espectáculo de danza Expedición Querina, unha representación da Escola de Danza Oitos que recolle a epopea histórica do navegante veneciano Pietro Queirini no século XV e que deu lugar ao nacemento da Vía Querinissima, que agora busca o seu recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa. A actuación inclúe unha destacada posta en escena dirixida por Verónica Martínez, con Antía Queiruga como bailarina principal e protagonizada por ata 25 bailarinas da Escola de Danza Oitos e con música composta por Sara Martínez, acompañada das artes visuais de Suso Xogaina. A asistencia é gratuíta e está aberta ao público en xeral, que deberá formalizar a súa entrada en liña.
Expedición Querina é unha iniciativa promovida dende o Xeodestino Ría de Muros Noia e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, na parte galega, e a Asociación Internacional Vía Querinissima e o Consello Rexional do Véneto, na parte internacional.
Conta coa colaboración do GALP Costa Sostible, da Consellería do Mar, da Unión Europea e do Concello de Noia. Trátase dunha obra inspirada na viaxe de Pietro Querini, quen deixou documentada unha peregrinación a Compostela que coincide ao 100% co traxecto actual do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e que forma tamén parte da Vía Querinissima.
Expedición Querina é un espectáculo de danza, música e imaxe co mar como protagonista, Querini como guía e Compostela como destino. Consta dunha apertura e tres partes perfectamente diferenciadas, dende a súa partida de Creta o 25 de abril de 1431 na nave Querina, cunha tripulación de 68 mariñeiros, ata a súa chegada a Compostela, pasando por lugares como o santuario da Virxe do Camiño en Muros ou o tempo de San Martiño de Noia.
Á representación asistirán o presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo (alcalde de Porto do Son), e presidente do Consello Rexional do Véneto e da Asociación Vía Querinissima, Roberto Ciambetti, á fronte dunha importante delegación internacional procedente das rexións do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia).
A delegación da Rexión do Véneto (Italia) está composta por Roberto Grande, xefe de Gabinete do presidente Roberto Ciambetti; Roberto Valente, secretario xeral do Consello Rexional do Véneto; Fausta Bressani e Stefano Sisto, directores dos departamentos de Cultura e de Turismo; Mara Tognon, responsábel de proxectos europeos e Nicoletta Martorana, directora da Asociación Vía Querinissima.
A delegación da rexión de Norland (Noruega) está integrada por Arne Ivar Mikalsen, conselleiro de Cultura e vicepresidente da Asociación Vía Querinissima; e Stefano Agnoleto, presidente do Comité Científica da Asociación. Finalmente, Daniel Anderson, deputado e membro do comité de Cultura, encabezará a delegación da rexión de Vastra Gotland (Suecia).

Via Querinissima
A Asociación Cultural Internacional Vía Querinissima fundouse para promover e enriquecer o itinerario cultural inspirado na viaxe de Pietro Querini, unha das primeiras peregrinacións documentadas polo Camiño da Ría de Muros Noia. A súa misión é fomentar o diálogo intercultural reconectando o Norte e o Sur de Europa a través da historia, as paisaxes e as tradicións.
O proxecto conta como impulsores principais coas rexións do Véneto, Nordland e Vastra Goltland, ademais da Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia e numerosos apoios internacionais de institucións culturais, universidades e asociacións de Italia, Noruega, Suecia, Suíza, Grecia, España, Cidade do Vaticano, Portugal, Austria e Reino Unido.
Vía Querinissima inspírase nos fondos valores que xurdiron da viaxe de Pietro Querini: o diálogo cultural, o intercambio, a hospitalidade, a memoria compartida, a solidariedade e a cooperación entre os pobos. A ruta baséase no diario de Pietro Querini, quen en 1431 emprendeu unha viaxe de Creta a Flandes que acabaría converténdose nunha das odiseas marítimas máis emblemáticas do século XV, pasando por Cádiz, Canarias, Lisboa, Muros e Fisterra. Tras múltiples desventuras, como avarías, desvíos forzosos e tormentas, acabaría finalmente nas illas Lofoten, onde descubriría o bacallau seco, que acabaría tendo un enorme impacto no comercio europeo da época.
A ruta marítima e terrestre atravesa Creta, as cosas de España e Portugal, e logo esténdese por Noruega, Suecia, Inglaterra, Alemaña, Suíza e Austria ata chegar a Venecia. O tramo galego da Vía Querinissima está integrado polo camiño de peregrinación de Muros a Santiago de Compostela, que Querini deixou perfectamente documentado.




