O BNG propón investimentos por valor de 28 millóns de euros para “salvar a comarca de Muros e Noia do esquecemento da Xunta”

20 Novembro 2025
oplus_146800672

O BNG propón investimentos por valor de 28 millóns de euros para, en palabras da agrupación, “salvar a comarca de Muros e Noia do esquecemento da Xunta”. A deputada Rosana Pérez resaltou que “o BNG traballa todos os días do ano trasladando ás institucións as demandas das veciños e veciñas desta comarca, conscientes de que, por unha banda, a comarca de Muros-Noia, tan próxima á capital de Galiza, segue a ter un déficit de infraestruturas e de servizos clamoroso que levan décadas sen resolver e, pola outra, a Xunta de Galiza non é quen de planificar actuacións a medio prazo para dar resposta a esas demandas, moitas delas xa cronificadas e das que dependen en gran parte o futuro económico e social da comarca.”

Os nacionalistas recordaron tamén que “non son demandas que fagan este ano, xa que levan anos demandando o desdobramento do corredor entre Brión e Noia, como actuación fundamental para vertebrar esta comarca e que, por fin, agora está en marcha, aínda que moito máis tarde do que sería desexábel”.

Rosana Pérez sinalou que “outra gran preocupación sinalada nas emendas aos orzamentos da Xunta deste ano é a falta de investimentos para a recuperación da ría, onde a extracción de marisqueo segue a ser o maior sector produtivo da poboación dos concellos desta comarca”. Por iso, ademais de presentar dúas emendas xerais para 2026, por un total de 24 millóns de euros para a súa recuperación e para a investigación das causas da perda de produtividade das rías galegas (Plan estratéxico para a recuperación das rías, por 20 m. e. + Proxecto INVESrías de investigación integral, por 4 millóns de euros), o BNG reclamou máis de 6 millóns para un saneamento que, no século XXI, “segue a ser en moitos casos inexistente e noutros moi deficiente”, sinalaron, esixindo a mellora de bombeos e desenvolvemento do Plan director do saneamento de Noia (1,5 millóns de euros), a mellora do saneamento en Outes (1 millón), o saneamento integral dos núcleos do Camiño de Santiago, en Mazaricos (2,3 m. e.) e o saneamento en Baño-Laxeiras, en Serres, Muros (1,25 m. e.) que, segundo palabras da alcaldesa de Muros, María Lago, “ten vital importancia pola súa influencia directa sobre o banco marisqueiro da Virxe do Camiño, o máis importante do noso concello e que supón a viabilidade do marisqueo para a nosa Vila”.

Engadiron que o feito de que “o desdobramento do corredor Brión-Noia se plasmase por fin nos orzamentos da Xunta despois de moitos anos, non quere dicir que non teñamos eivas importantísimas nas nosas vías de comunicación e na nosa mobilidade, por exemplo na AC-550, sobre todo ao seu paso polo concello de Outes, onde propoñemos emendas por 5 millóns de euros para o seu arranxo integral e para a mellora da súa seguridade, así como para a mellora da avenida de Fisterra, comprometido hai 10 anos pola Xunta”.

Tamén criticaron que a planta de Servia, pioneira como alternativa á incineración de SOGAMA, fose totalmente abandonada pola Xunta, xusto agora cando o tratamento de residuos segue a causar tanta polémica e cando se está a levar a cabo a implantación, obrigada, do contedor marrón nos concellos.

E outra das grandes emendas do BNG nesta comarca a estes Orzamentos para 2026, pasa, tamén outro ano máis, pola construción “tamén tan agardada e tan prometida pero nunca cumprida por parte da Xunta, do parque empresarial de Porto do Son, cunha emenda de 5 m. e. e cuxa cantidade amosa claramente a nosa grande preocupación pola falta de chan industrial na comarca debidamente dotado e comunicado”, apuntaron, sinalando que “máis alá destas emendas importantes na súa cantidade (+18 m. e.), pero fundamentais para o desenvolvemento e para o despegue económico da comarca, tampouco esquecemos moitas outras necesidades, fundamentalmente de carácter social e tamén moi demandadas, que inflúen directamente na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas da comarca”.

Citaron unhas cantas, cuxo conxunto suma máis de 10 millóns:

A creación de vivenda pública en Outes e Noia (450.000 + 1 m. e.)

A escola infantil pública en Noia (400.000 euros) ou

A mellora dos dous colexios de Mazaricos (1,5 m. e.)

A construción do Centro de Interpretación do Castro de Baroña (2 m. e.), a execución da 2ª fase da rehabilitación do Cine París de Muros (500.000 euros), ou a restauración e creación do Museo de Laudas Gremiais, únicas en todo o mundo, en Noia (900.000 euros)

E tamén emendas e cantidades que cubrirían as importantísimas eivas en instalacións deportivas que existen en Porto do Son, tanto no polideportivo de Sta. Irene como no complexo deportivo municipal (800.000 + 1.500.000)

A intervención da deputada rematou explicando que “ agardamos que no debate parlamentario, das emendas aos orzamentos do ano 2026, estas propostas sexan tidas en conta, porque a ría de Muros e Noia, especialmente algúns dos seus concellos, levan anos agardando unha mellora nas súas infraestruturas e servizos. Non é xusto este reparto que fai o PP da Xunta de Galicia dos impostos de todos os galegos e galegas, favorecendo a uns concellos por riba de outros por intereses partidistas, en vez de con un criterio obxectivo e igualitario.”

Outros artigos

Mércores 7, xornada de tempo variable

Este mércores 7, San Raimundo, quedaremos baixo unha situación intermedia entre altas e baixas presións. O día presentarase con ceos parcialmente nubrado e precipitacións intermitentes durante a mañá, especialmente na metade norte e interior da Comunidade. Co avance...

+

Muros vibrou este luns 5 coa espectacular visita dos Reis Magos

A AC Fouleada e o Concello de Muros organizaron un amplo programa de actividades festivas e de lecer para recibir e acompañar, este luns 5 de xaneiro en boa parte do concello muradá, ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Pola mañá, a comitiva do Carteiro Real...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.