O BNG demanda ao Goberno defender os intereses da frota galega ante a proposta de recorte de cotas da UE para 2026

03 Novembro 2025

O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa senadora Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para demandar ao Goberno español unha posición firme e en defensa dos intereses da frota galega fronte á nova proposta da Comisión Europea sobre Totais Admisíbeis de Captura (TACs) e cotas pesqueiras para o ano 2026.

A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte que a proposta comunitaria “supón un novo golpe para a frota galega, que leva anos soportando recortes e limitacións que poñen en risco a súa continuidade”. A representante nacionalista subliña que “a actividade pesqueira galega é fundamental tanto desde o punto de vista económico como social e precisa dunha defensa decidida por parte do Estado español nas negociacións coa Unión Europea”.

Segundo explica Carme da Silva, a proposta da Comisión Europea mantén a conxelación da cota de pescada en augas ibéricas e prevé un recorte de 26% na cota de abadexo e de 28% na de linguado, “dúas especies de gran relevancia para as frotas galegas”, ademais dunha redución de 5% na cota de xurelo entre Fisterra e o Golfo de Cádiz.

“Estas medidas son claramente prexudiciais para a frota galega e carecen de xustificación suficiente desde o punto de vista científico e socioeconómico” sinala a senadora.

O BNG, ante esta proposta, reclama que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación defina unha posición clara e activa nas negociacións co obxectivo de evitar novos recortes e garantir a viabilidade da frota galega.

“Debe defender a revisión das propostas de redución de cotas e aporte informes científicos e socioeconómicos actualizados que avalíen o impacto real das medidas na frota galega e negocie un incremento das cotas para as especies máis afectadas e adopte medidas de compensación para as frotas que sufran reducións significativas” demanda a senadora nacionalista.

Por outra parte, Carme da Silva insta o Ministerio a estabelecer un diálogo permanente co sector pesqueiro galego, incorporando as súas achegas ás posicións que se defendan ante as institucións comunitarias. “Impulsar unha revisión da Política Pesqueira Común, para adaptala á realidade da pesca galega e garantir o futuro das comunidades mariñeiras” engade.

Carme da Silva destaca que “a frota galega precisa certezas e apoio institucional para garantir o seu futuro” e reclamou que o Goberno español “actúe con determinación e poña os intereses da pesca galega no centro das negociacións europeas”.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...