
Este venres 14 de novembro a veciñanza da parroquia de Aguiño comezou de novo as mobilizacións ao constatar esperas dun mes para ter cita co médico de cabeceira. A concentración contou novamente co apoio do BNG, que se comprometeu a seguir apoiando á veciñanza e “facer todo o posíbel para que haxa profesionais que garantan a calidade asistencial”.
O portavoz do Bloque, Luís Pérez, argumentou que “non podemos permitir que se normalice a falta de médicos, nin que se degrade un servizo básico que é un dereito, non un privilexio. Se non son capaces de aplicar medidas, polo menos deberían votar a favor das iniciativas e accións que propoñemos no BNG como ese plan de inxectar 200 millóns de maneira inmediata na Atención Primaria, recursos que permitirían mellorar a situación”.
Na xornada do xoves 13 de novembro levouse a cabo unha mobilización análoga no Centro de Saúde de Ribeira que tamén contou co apoio e presenza do BNG. Denunciouse a falta de médicos e a sobrecarga asistencial que impiden garantir unha atención de calidade.
Pérez Barral reclamou en Santa Uxía que “a Xunta cubra todas as baixas e vacantes de profesionais sanitarios, lembrando que a atención primaria é o primeiro chanzo do sistema sanitario e debe estar dotada dos medios humanos e materiais precisos”.
“Debemos garantir a calidade asistencial. Os recortes e a falta de planificación na sanidade pública empeoran a saúde dos doentes e degradan os servizos”, advertiu.
O ex.alcalde nacionalista denunciou “o abandono continuado da sanidade pública por parte do PP, que provoca a fuga de profesionais e demoras inaceptables na atención”.
“Non podemos permitir que se normalice a falta de médicos nin que se degrade un servizo que é un dereito, non un privilexio. Se non son capaces de aplicar solucións, que polo menos apoien o plan do BNG para inxectar 200 millóns de euros na atención primaria”, engadiu.
O BNG lembra que o problema non é illado, senón estrutural e común a toda a comarca do Barbanza e ao país enteiro, e anuncia que rexistrará novas iniciativas para esixir un plan urxente de reforzo da atención primaria, con máis contratacións, mellores condicións e incentivos que permitan fixar persoal médico no rural e nas vilas costeiras.




