Marcha e concentración ‘Baixo un Mesmo Paraugas’ polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A comarca do Barbanza súmase un ano máis á mobilización social organizada por máis de cen entidades galegas integradas na plataforma Baixo Un Mesmo Paraugas, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de decembro. O obxectivo é reivindicar os dereitos e a inclusión plena das persoas con diversidade funcional.
A xornada terá lugar o mércores 3 de decembro de 2025, ás 10.30 horas, de maneira simultánea en tres puntos da comarca: a Praza de España de Ribeira, o porto de Porto do Son e a Praza do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal. Máis de 100 entidades sociais de toda Galicia participan nesta acción coordinada, que aposta por un acto simbólico e visual no que os asistentes portarán paraugas de cores.
A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional coordina a actividade na comarca, coa participación das entidades Misela, Barbantea e A Creba, e coa colaboración dos Concellos de Ribeira, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.
Desenvolvemento da mobilización
A partir das 10.30 horas iniciarase a marcha en cada unha das tres localizacións, cun percorrido polas rúas céntricas de cada municipio. Ás 11.30 horas está prevista a lectura do manifesto oficial de Baixo Un Mesmo Paraugas, que correrá a cargo de representantes das entidades e de persoas con diversidade funcional. Os puntos exactos onde rematará cada marcha confirmaranse proximamente.
Ás 11.45 horas abrirase unha quenda de atención aos medios, na que estarán dispoñibles portavoces de Ambar, Barbantea, Misela, A Creba e representantes dos concellos colaboradores.
A organización solicita, na medida do posible, confirmación de asistencia a través do correo comunicacion@asociacionambar.org.
Participación dixital
As persoas que non poidan acudir tamén poderán sumarse á reivindicación a través das redes sociais. A organización anima a publicar unha fotografía cun paraugas o 3 de decembro e a etiquetar a conta @galiciadiversa.



