O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá este sábado 8 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, un Magosto Solidario coa Cruz Vermella, organizado polo Concello de Lousame. A iniciativa foi presentada esta mañá polo alcalde, Esteban Ares García, acompañado polas concelleiras de Cultura e Deportes, Silvia e Mariel Agrafojo, así como por Loreto Rodríguez Coro, representante da Cruz Vermella de Noia, e os técnicos municipais de Cultura e Deportes.

O rexedor destacou a importancia de recuperar unha actividade tradicional que non se celebraba desde a pandemia e de facelo cun compoñente solidario. “Consideramos que é unha actividade moi bonita e demandada pola veciñanza. Ademais, este ano quixemos darlle un enfoque solidario, para que non sexa unicamente un momento de reunión”, explicou Ares, quen anunciou que “este magosto será o punto de inicio dunha serie de colaboracións e actos solidarios cos que seguiremos traballando no futuro”.
O alcalde animou á veciñanza a participar e “encher o aforo, porque hai unha boa causa detrás”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, destacou que a cita “ofrece moito máis ca un magosto, pois haberá tamén música, xogos populares e chocolate con churros, todo cun compoñente solidario coa Cruz Vermella”. Agradeceu tamén o labor do persoal municipal dos distintos departamentos —Cultura, Voluntariado, Deportes e Obras—, así como do voluntariado local, Protección Civil, voluntariado europeo e da asociación cultural O Son do Pote, que poñerá a nota musical á xornada. “A coordinación entre departamentos e voluntariado é fundamental para que un concello pequeno como Lousame poida desenvolver este tipo de actividades”, subliñou.
Desde a Cruz Vermella de Noia, Loreto Rodríguez Coro agradeceu a colaboración do Concello e da veciñanza e desexou que “o sábado sexa un día de diversión e solidariedade, no que poidamos agradecer o compromiso dos veciños e veciñas de Lousame”.
Inscricións e participación
As entradas para o Magosto Solidario están dispoñibles desde hoxe en Bandoticket.com. A inscrición é obrigatoria para controlar o aforo e por cuestións de loxística.
As persoas asistentes deberán presentar a súa entrada dixital na porta do polideportivo e achegar, como mínimo, un produto de limpeza ou hixiene por persoa (adulto ou menor) destinado á Cruz Vermella. A cambio, recibirán un vale para a degustación de castañas e chourizo con pan, mentres que os nenos e nenas obterán un vale para chocolate con churros.




