A Xunta de Galicia vén de anunciar a licitación das obras de restauración e conservación da igrexa de San Vicenzo do Grove, cun investimento superior aos 200.000 euros. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o templo e reafirmou o compromiso do Goberno galego “coa protección do noso patrimonio cultural”.

O proxecto ten como obxectivo principal resolver os problemas de entrada de auga detectados na cuberta e nas escaleiras da torre do campanario, así como mellorar a ventilación e reducir os niveis de salinidade que afectan ás fachadas pola proximidade ao mar.
Os traballos, cun prazo de execución de seis meses, inclúen a instalación de chapas de zinc e láminas impermeables, a modificación das carpinterías das fiestras, a dotación de ventilación no baixocuberta e a renovación dos morteiros de cal tradicional. A intervención completarase coa limpeza das fachadas, a desalazón das zonas alteradas e a consolidación das partes máis afectadas. Ademais, incorporarase unha trampilla na saída da escaleira da torre ao campanario para evitar filtracións e facilitar a ventilación.
A igrexa de San Vicenzo foi construída aproveitando a pedra da antiga situada no xacemento arqueolóxico de Adro Vello, e forma parte dun conxunto patrimonial que a Xunta está a poñer en valor. López Campos lembrou que estes traballos se suman á inauguración, o pasado mes de agosto, da aula interpretativa de Adro Vello, situada nas inmediacións do templo, reforzando así a aposta pola conservación e difusión do patrimonio cultural galego.




