Julio Abalde destaca o Laboratorio Ecosocial do Barbanza como “exemplo de transformación sostíbel”

20 Novembro 2025

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou en Santiago, na Casa RIA (Fundación RIA) a exposición do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un laboratorio vivo centrado na xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio. A mostra, que poderá verse ata o 24 de xaneiro de 2026, reúne paneis, mapas, imaxes e materiais audiovisuais que explican o potencial das comunidades de montes como motor dunha xestión comunitaria e sostíbel. A programación complétase cun ciclo de conversas, obradoiros e actividades no Barbanza e en Santiago ao longo destes meses.

Durante a visita, Julio Abalde salientou o papel estratéxico dun proxecto “que combina ciencia, compromiso comunitario e innovación para impulsar un novo modelo de xestión sustentábel no Barbanza”. Así mesmo, tamén se puxo en valor o carácter pioneiro dunha iniciativa que busca ofrecer respostas fronte ao abandono do territorio, a degradación ambiental e o risco de incendios forestais.

Recoñecido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) como unha das 39 iniciativas exemplares do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) entre máis de 1.000 proxectos subvencionados, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza naceu en 2020 impulsado pola Fundación RIA e o grupo de investigación HISTAGRA da USC.

Ao longo de catro anos, foi incorporando comunidades de montes, universidades, administracións e entidades do terceiro sector, consolidando unha rede colaborativa centrada na transformación respectuosa co medio ambiente da península do Barbanza.

En febreiro de 2024, o proxecto recibiu un impulso de 2 millóns de euros das axudas para o fomento da bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidade do MITECO, co obxectivo de avanzar en tres grandes eixes: prevención de incendios e multifuncionalidade forestal, creación de emprego verde e investigación con participación comunitaria.

Entre os resultados máis destacados atópanse a planificación conxunta de máis de 2.000 hectáreas, actuacións silvícolas en máis de 500 hectáreas, a participación de 600 persoas voluntarias en accións de restauración ambiental e o desenvolvemento de liñas de investigación sobre servizos ecosistémicos e rehabilitación de solos.

O proxecto continúa avanzando con accións como o plan de ordenación conxunta en seis comunidades de montes, a posta en marcha dun rabaño mancomunado de máis de 130 cabras, a creación dunha comunidade enerxética, a produción de compost, a plantación de frondosas e o uso colectivo dun aserradoiro portátil, ademais da creación de emprego local e da implicación do tecido educativo e voluntario do territorio.

O recoñecemento do MITECO recibido en setembro deste ano nun acto celebrado no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, presidido pola ministra Sara Aagesen, subliña a capacidade do Laboratorio Ecosocial do Barbanza para articular coñecemento científico, xestión comunitaria e coordinación institucional, converténdose nun referente estatal en xestión multifuncional do territorio.

O Laboratorio conta co apoio da Fundación Biodiversidade do MITECO no marco do PRTR, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Falta de oportunidades e marxinación” – José Manuel Pena

“Falta de oportunidades e marxinación” – José Manuel Pena

Hai xente moi miserable. Chamando ratas, animando á caza e á pesca de migrantes por parte de responsables públicos é un evidente delito de odio e unha carencia de ética e moralidade da máis elemental. Os cidadáns normais non podemos unir o noso silencio ante tantas...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.