O Centro de Atención Integral de Amicos acolleu esta mañá a cuarta reunión do Comité Social da rexión asociada Arousa-Lab, espazo de traballo colaborativo que reúne a distintas confrarías da ría de Arousa, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, OPMEGA, CETMAR, centros educativos como o CEIP Santa Baia, ademais de representantes de Amicos e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia.
O encontro permitiu facer un balance das accións desenvolvidas durante os últimos meses dentro do proxecto europeo A-AAGORA, orientado á restauración e conservación dos ecosistemas mariños e á promoción de solucións baseadas na natureza. Entre as iniciativas destacadas polos membros do comité figuran accións de restauración, actividades educativas con escolares, xornadas divulgativas e reforzo da colaboración co sector marítimo-pesqueiro.

O xefe do Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, José Martínez, salientou que “Galicia leva anos apostando pola sustentabilidade, e iniciativas como Arousa-Lab axudan a poñer en valor un traballa que leva tempo realizándose aquí e pode inspirar modelos replicábeis noutras zonas. A colaboración con Amicos e co resto de membros do comité é unha oportunidade tremenda para integrar a perspectiva social nas políticas de conservación dos recursos mariños, mostrando ás persoas con discapacidade intelectual partícipes de estender o coñecemento do mundo mariño e as súas problemáticas e boas prácticas, así como condutores do activismo medioambiental”.

Pola súa banda, o director xeral de Amicos, Xoán España, destacou na súa intervención que “Arousa-Lab busca crear un grupo de traballo no que tódalas entidades traballemos polo conservación do mar e busquemos involucrar a todas as persoas (nen@s, adultos, profesionais, cidadáns…) no seu coidado e respecto”. “Quero agradecer” – engadiu – “a presenza de tódalas entidades aquí porque pouco a pouco se van creando pequenas actividades que van cambiando cousas, que é a mellor maneira de construír e facer realidade que avancemos paso a paso. O traballo conxunto permitiunos afondar na restauración activa, pero tamén no compromiso social coa protección do mar. Que escolas, confrarías e entidades de investigación participen nas mesmas accións é o mellor indicador de que estamos no camiño correcto. Non só é un factor integrador para os nosos activistas medioambientais, tamén crea un vínculo moi importante coas entidades do mundo do mar”.

No acto tamén participaron o director de operacións de OPMEGA, Lino Suárez; os patróns maiores das confrarías de Carreira-Aguiño, José Antonio Santamaría, de Ribeira, José Antonio Sieira, e da Illa de Arousa, Juan José Rial; e a secretaria do CEIP Santa Baia, Ana Ramos.
Un laboratorio rexional referente en participación e innovación
Durante a reunión, analizáronse novas propostas para 2026 centradas en reforzar a participación das confrarías nos procesos de seguimento mariño, ampliar as accións educativas vinculadas á restauración de hábitats, promover campañas de sensibilización dirixidas á cidadanía e ao sector extractivo, e avanzar na cooperación entre entidades para mellorar a resiliencia da ría de Arousa fronte ao cambio climático.
Arousa-Lab continúa consolidándose como un laboratorio rexional de referencia, integrando administración pública, sector profesional, centros de investigación e comunidade educativa.
Esta rexión asociada encádrase no proxecto matriz Atlantic Arctic Agora (A-AAGORA), enfocado na restauración dos océanos e augas para o 2030 nese territorio.



