Este sábado 8 AMICOS celebra o seu tradicional encontro familiar no que amais se cumplen 25 anos. A cita será en Lousame nun día cheo de emocións, lembranzas e alegría.

A asociación Amicos celebra o seu 25º aniversario reafirmando o seu compromiso coa inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con necesidades de apoio. Nada fai un cuarto de século da man dun grupo de nais e pais que buscaban oportunidades para os seus fillos, a entidade evolucionou ata converterse nunha referencia en Galicia, superando as 1.200 persoas usuarias e contando con 130 profesionais dedicados a promover a independencia e a participación activa na comunidade.
Amicos ofrece unha atención personalizada e centrada nas persoas, con programas adaptados ás capacidades e intereses de cada usuario. Desde talleres de arte, tecnoloxía e deporte ata actividades ambientais como a plantación de árbores ou o proxecto CABALGA, que busca recuperar gorgonias e devolvelas ao seu hábitat natural, a asociación fomenta a autonomía, a creatividade e o compromiso coa contorna.
Na súa traxectoria, Amicos puxo unha especial énfase no desenvolvemento emocional e social. Segundo explica o equipo profesional, as actividades deséñanse para fortalecer a autoestima, a empatía e a xestión das emocións. A entidade aposta tamén pola educación inclusiva e a colaboración con centros escolares, promovendo que os nenos e nenas coñezan e valoren a diversidade desde idades temperás.
Durante estes 25 anos, a asociación conseguiu construír unha rede de apoio sólida, coa implicación de familias, voluntarios e administracións. O seu obxectivo segue sendo o mesmo que inspirou o seu nacemento: acompañar soños, derrubar barreiras e crear unha sociedade máis xusta e inclusiva para todos.



