A Concellería de Promoción Económica da Pobra estimulará o consumo no comercio local durante o Nadal. Farao a través do reparto de vales por valor de 6.200 caramiñas (6.200 euros). Así o confirmou este mércores 26 a concelleira, Amparo Cerecedo, na presentación de Descubre as Caramiñas da Pobra do Caramiñal e comparte o teu Nadal.
Tal e como avanzou a edil, o obxectivo da iniciativa “é achegar á cidadanía ás rúas do municipio, animándoa a descubrir e a fotografar os recunchos do Nadal. Estas imaxes son, precisamente, as que lles permitirán optar a bonos regalo Caramiñas por valor de 200 euros que poderán gastar naqueles negocios adheridos á campaña municipal.

A acción estará dispoñíbel desde o próximo luns, 1 de decembro, e ata o 31 do mesmo mes (ambos incluídos). Poderá tomar parte na mesma calquera persoa maior de 14 anos e que posúa unha conta propia na rede social Instagram. Para que a participación poida ser válida, o perfil deberá ser público ou, en todo caso, a persoa terá que enviar unha captura de pantalla por mensaxe directa.
En canto á mecánica, a persoa terá que facer, como mínimo, unha fotografía nalgún dos espazos de Nadal existentes e que, ademais, deberá compartirse en stories coa mención da conta do sorteo @caraminhasnapobra. O usuario ou usuaria pode publicar tantas imaxes como desexe, pero estas non poden ser repetidas e unicamente se contabilizará unha publicación ao día a efectos do sorteo.
200 Caramiñas diarias
O Concello rifará 200 Caramiñas diarias, realizándose o primeiro dos sorteos o propio día 1. Todos os xoves daranse a coñecer as persoas gañadoras que tomaron parte desde a semana anterior. A selección destas farase por medio dunha aplicación que as elixirá de xeito aleatorio. Unha vez se teña o resultado, a organización revelará o nome dos agraciados, os premios e as fotografías galardoadas a través das redes sociais de Caraminhas na Pobra. En canto á recollida dos vales, esta será cada sábado no Fogar do Nadal habilitado na Oficina de Turismo, entre as 11.00 e as 13.00 horas.





