A Deputación destina 800.000 euros para impulsar o sector pesqueiro e marisqueiro da provincia en 2026

11 Novembro 2025

A Deputación da Coruña publicou este 11 de novembro no Boletín Oficial da Provincia (BOP) dúas novas liñas de axudas dotadas con 800.000 euros destinadas a fortalecer o sector pesqueiro na provincia. As subvencións están dirixidas a confrarías de pescadores, federacións provinciais das confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores e estrutúranse en dúas liñas de actuación: por unha banda, o apoio ás actividades das entidades e, pola outro, ao impulso de investimentos.

Cristina Capelán e Valentín González, deputada de Mar e presidente da Deputación

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, destacou a importancia deste apoio económico da Deputación para “garantir a viabilidade, a modernización e a profesionalización dun sector estratéxico para Galicia, que ademais de riqueza económica xera cohesión social, emprego local e mantén viva a nosa cultura mariñeira”.

“As confrarías xogan un papel fundamental nos municipios costeiros e merecen o apoio decidido das administracións públicas. Desde a Deputación da Coruña queremos estar ao seu carón, colaborando para que o mar siga sendo futuro”, engadiu Capelán.

Melloras na actividade

A primeira liña de axudas, dotada cun orzamento de 650.000 euros, abrangue dúas modalidades:

A primeira, que conta cun orzamento de 500.000 euros, permitirá financiar actuacións para mellorar o desenvolvemento e modernización das actividades propias con accións como o alugueiro de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal para as confrarías ou para vixilancia marisqueira, e a adquisición de sementes de moluscos.

A segunda, cun importe de 150.000 euros, destinarase á organización de festas e accións de promoción dos produtos pesqueiros, cubrindo gastos de promoción, alugueiros, servizos de empresas e seguros específicos. Cada ano, festas gastronómicas tradicionais como a Festa do Percebe do Roncudo de Corme, a Festa da Centola de Lorbé ou a Festa do Marisco de Barallobre (Fene), entre outras citas referenciais, contan con axudas da Deputación para promocionar produtos de calidade

No relativo á outra liña de axudas, dotada con 150.000 euros, está destinada a investimentos e melloras nas infraestruturas nas confrarías e agrupacións. As entidades poderán solicitar subvencións para actuacións como a mellora do equipamento das lonxas nos aspectos técnico-sanitarios do persoal e de oficina, a aplicación de novas técnicas para a modernización do proceso produtivo, a adquisición de vehículos para o desenvolvemento da actividade e obras de acondicionamento dos locais.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...