A sede de Nova Escola Galega en Santiago de Compostela acollerá este mércores 8 de outubro ás 19:00 horas a xornada “A memoria histórica nas aulas: recursos e propostas”, un encontro dirixido ao profesorado e á comunidade educativa que busca ofrecer ferramentas para traballar a memoria histórica nos centros de ensino.
O acto contará coa participación de Pilar Sampedro, profesora xubilada, quen presentará a súa Guía da Memoria Histórica na LIXG; e de Alba Recarey, mestra no CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, que dará a coñecer o proxecto O patrimonio da Sabugueira, centrado na recuperación da memoria local e nun achegamento ao antigo Campo de Concentración de Lavacolla.
A sesión estará moderada por Belén Piñeiro, pedagoga e membro do Seminario da Memoria de Nova Escola Galega.
A actividade, que organiza Nova Escola Galega e conta co financiamento do Concello de Santiago e a colaboración da Revista Galega de Educación, pretende fomentar a reflexión e o compromiso docente coa preservación da memoria democrática desde unha perspectiva pedagóxica e participativa.




