O Concello da Pobra do Caramiñal, coa coordinación técnica da Fundación RIA, o apoio administrativo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o financiamento da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), pechou onte o prazo de presentación de propostas para o concurso de ideas da fachada marítima, que rexistrou un total de 15 propostas presentadas.
A alta participación amosa o interese que o proceso espertou entre equipos de arquitectura e urbanismo, chamados a deseñar o futuro masterplan da fachada marítima da Pobra do Caramiñal. A localización estratéxica deste ámbito, a diversidade de usos e o peso da actividade comercial ofrecen unha gran oportunidade para repensar a súa ordenación e reforzar o dinamismo social e económico da vila.
O xurado, que se constituirá nos próximos días, estará integrado polos arquitectos Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos) e Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos), xunto con representantes do Concello da Pobra do Caramiñal e do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia. Tras a súa constitución, o xurado realizará unha visita ao ámbito do concurso e desenvolverá sesións de deliberación ata a comunicación da resolución final.
O concurso, dotado con 33.000 euros en premios e coa adxudicación da redacción do Plan Director valorada en 50.000 euros, representa un paso decisivo cara á transformación sustentable e integradora da fachada marítima da Pobra do Caramiñal.

Un espazo estratéxico para o futuro da vila
O ámbito de intervención concentra elementos clave como zonas portuarias, espazos verdes, equipamentos públicos, vivenda, tráfico de paso e o mercado semanal, que cada mércores modifica profundamente o funcionamento da vila.
A partir das análises previas definíronse estratexias fundamentais que deberán guiar as propostas presentadas:
- Mobilidade
- Ordenación do espazo público
- Infraestrutura verde e azul
- Enerxía e circularidade
- Implicación de axentes
- Fases de desenvolvemento
O obxectivo é crear un marco de traballo sostible e replicable, que non só mellore a fachada marítima da Pobra, senón que poida servir de modelo para outros contextos portuarios con retos semellantes.

Bases e premios do concurso
O concurso foi convocado oficialmente na Plataforma de Contratación del Sector Público o 23 de xuño, baixo procedemento aberto e anónimo, para seleccionar a proposta que servirá de base ao Plan Director da fachada marítima da Pobra do Caramiñal.
Poderon participar persoas físicas ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, así como unións temporais de profesionais que cumprisen os requisitos establecidos na Lei 38/1999 de Ordenación da Edificación, acreditando titulación en arquitectura ou enxeñaría de camiños, canais e portos.
O concurso contempla tres premios:
- 1º premio: 20.000 € e a adxudicación do contrato para a redacción do Plan Director (50.000 €)
- 2º premio: 8.000 €
- 3º premio: 5.000 €
Un proceso baseado na colaboración institucional
A gobernanza do proxecto baséase nun modelo de colaboración entre administracións e entidades profesionais, imprescindible nun ámbito tan complexo como o da fachada marítima, onde conflúen solo urbano, portuario e infraestrutura viaria.
O Concello da Pobra do Caramiñal impulsa o proceso como administración promotora e responsable da planificación e desenvolvemento local. A Fundación RIA coordina tecnicamente a convocatoria e elaborou o documento base a partir do traballo iniciado en 2018 coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para analizar a integración da estrada AC-305 nos núcleos urbanos da comarca.
A Fundación MOP colabora desde 2024 no financiamento e apoio técnico de proxectos estratéxicos de planificación urbana, mentres que o COAG achega o seu asesoramento técnico e xurídico, participa na supervisión do procedemento e acompaña ao Concello na organización das visitas e atención ás consultas dos equipos participantes.
O proceso conta tamén coa implicación de Portos de Galicia —titular de boa parte dos terreos do ámbito— e da Axencia Galega de Infraestruturas, cuxa colaboración resulta esencial para integrar a estrada AC-305 no deseño da nova fachada marítima.




