O grupo Histagra-Cispac-USC coordina os traballos, que se están desenvolvendo na igrexa de Santa María de Asados dende o luns
A deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou esta mañá os traballos de exhumación de Manuel Piñeiro Abeijón e Francisco López Pérez, dous veciños do Barbanza asasinados en 1936, acompañada polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.
Os labores de recuperación dos corpos, situados nunha fosa común no adro da igrexa de Santa María de Asados, están coordinados polo grupo HISTAGRA-CISPAC-USC, integrado por historiadores, arqueólogos, antropólogos forenses e xenetistas. Os traballos comezaron o pasado luns.
As investigacións documentan que Manuel Piñeiro, veciño de Boiro, foi detido e fusilado o 14 de agosto de 1936 no alto da Paradegua, e o seu corpo abandonado preto da igrexa de Asados. Pola súa parte, Francisco López, de Taragoña (Rianxo), foi tamén asasinado no mesmo lugar o 12 de setembro dese ano.
Durante a visita, Sol Agra destacou que esta exhumación “é un acto de dignidade, reparación e xustiza. Recuperar os corpos destas vítimas é devolverlles o nome, a historia e o respecto que lles foi negado durante décadas”. Engadiu que “as administracións públicas teñen a responsabilidade de defender a verdade e a memoria, e o deber moral de manter vivos os ideais de liberdade das persoas asasinadas polo fascismo”.




