A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, impulsou o acordo unánime do Parlamento para que a Xunta dea conta das conclusións dos distintos estudos que leva anunciados nos últimos 20 anos sobre os depredadores de bivalvos, e en particular sobre as ouxas, co obxectivo de tomar medidas para combater o seu nocivo efecto sobre o sector marisqueiro.

Pérez advertiu ao PP que “o BNG vai estar vixiante do cumprimento deste acordo”, acadado logo do debate da proposición non de lei que defendeu neste sentido na comisión parlamentaria de Pesca e Marisqueo e pola que tamén quedou aprobada a toma de medidas de acordo co sector, mentres non rematan os distintos estudos, para conter as consecuencias negativas que está a ter a poboación de ouxas nas rías galegas.
“Queremos saber o resultado de todos os estudos, igual que quere coñecer o sector, para ver, entre outras cousas, o que vostedes fixeron”, advertiu aos populares logo de recriminarlles que “o seu Goberno leva anunciando desde 2007 estudo tras estudo que non realiza mentres o sector do marisqueo sementa para dar de comer ás ouxas”, en referencia a unha das especies que está arrasando cos escasos bivalvos que quedan nas rías, nomeadamente na de Arousa e nas do sur.
Neste sentido, recordou que a Consellería do Mar comezou a facer estudos sobre as ouxas e outros depredadores hai preto de 20 anos e “sen que se coñezan nin os seus resultados, nin ningunha aplicación práctica derivada dos mesmos”, dixo, ao tempo que lembrou que a conselleira recoñeceu publicamente en 2021 que a poboación de ouxas “estaba fóra de control”, pero, criticou, “non se tomou nin unha soa medida ao respecto, polo que, ante o clamor do sector, ese mesmo ano anunciou outro estudo máis sobre a ouxa que puidera permitir declarar a especie como non controlada e solicitar á UE un plan de control de especie no que se incluíse a súa retirada do medio”.
Rosana Pérez engadiu que “un ano despois, no verán de 2022, Mar anunciou un novo estudo logo de reunirse con algunhas Confrarías e en 2024, ano especialmente duro polos distintos episodios de fortes choivas e mortaldade masiva do marisco, e novamente pola presión do sector, o departamento autonómico anunciou que o CETMAR comezaría un estudo para tentar atopar unha solución ao que o sector cualificaba xa como praga”.
E apuntou a parlamentaria da Pobra: “A primeiros deste ano, a consellería volveu anunciar outro estudo, neste caso liderado polo CIMA e colaborado polo propio CETMAR e a Federación Galega de Confrarías. Pasan a vida anunciando estudios que nunca realizan, de estudo en estudo e tiro porque me toca”, reprochou ao Executivo do PP, ao que criticou que “leve preto de 20 anos facendo que fai, demostrando a súa incapacidade absoluta para ofrecer solucións ao problema e constatando unha vez máis o seu desleixo co sector marisqueiro ao que continúa deixando esmorecer”.



