A organización xuvenil CMS preséntase este sábado 18 na Pobra

17 Outubro 2025

Este sábado 18 de outubro, a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS), organización xuvenil do Movemento Socialista, realizará a súa presentación pública na comarca do Barbanza. A xornada terá lugar nas aulas da Antiga Cofradía de Pescadores, na rúa de Castelao. A organización convoca para as 18:30h unha charla de presentación na que exporá a súa proposta política e o seu proxecto.

A xornada tamén contará con tempo de lecer, cunha merenda popular e un obradoiro de regueifas (canto tradicional galego que se elabora de forma improvisada), para o cal contarase con presenza de figuras destacadas deste eido a nivel galego.

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) é unha organización política presentada no mes de setembro e que ven a continuar o espazo de encontros coñecido como Creba Socialista.

Este proceso foi presentado o 27 de abril de 2024, coa vontade de “debater e unificar posturas arredor das teses socialistas”. Logo dun ano e medio de traballo, con actividades e charlas por todo o país, cun crecemento e organización de centos de mozos galegos e participación de diferentes mobilizacións e protestas, o espazo decidiu dar o paso para constituírse como organización xuvenil.

A CMS vincúlase directamente co chamado Movemento Socialista, un proxecto político en crecemento con milleiros de mozos ao longo do Estado español, con outras organizacións parellas como GKS (Gazte Koordinadora Sozialista), CJS (Coordinadora Juvenil Socialista) ou OJS (Organització Juvenil Socialista). Este proxecto defínese como “unha proposta comunista con vontade de reconstruír as ferramentas políticas que fagan recuperar a independencia política da clase traballadora, realizando unha ruptura cos partidos da esquerda institucional. Ao tempo, o Movemento Socialista chama a organizarse contra as expresións reaccionarias e de ultradereita, nun marco de crecemento do fascismo e de forzas reaccionarias”.

A Coordinadora da Mocidade Socialista xustifica o nacemento da súa proposta política “no crecente descrédito da política institucional entre a mocidade, nas dificultades que a xente máis nova ten para atopar un emprego estábel, vivenda e no aumento do custe xeral de vida, que reduce as expectativas vitais dos sectores máis xuvenís da clase traballadora”

A Coordinadora da Mocidade Socialista, que xa conta con diferentes integrantes en vilas do Barbanza, presenta o seu proxecto este sábado 18 de outubro ás 18:30h na Pobra do Caramiñal, buscando asentar “un proxecto político en bases firmes que lles permitan constituírse como un actor de primeira orde no panorama político galego”, sinalan.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...